· O traballo de Landesa acadou o voto unánime do xurado, conformado polo director de edicións da Editorial Galaxia, Marcos Calveiro, pola vicepresidenta da Asociación Cultural Barbantia, Encarna Pego, e polo gañador da sétima edición do premio, Óscar Reboiras.
Daniel Landesa (Vigo, 1976) acaba de converterse no gañador do VIII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro. Baixo o título de Nenapingüin, a obra de Landesa acadou o voto unánime do xurado, que destacou a “calidade literaria e unha trama protagonizada por nenos que padecen enfermidades na que se escapa do sentimentalismo e do melodrama, incorporando notas de humor e diversión”. Tras a deliberación e fallo, a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, agradeceu o labor do xurado, “que tivo un papel difícil pola cantidade e calidade dos trabllos presentados”.
De entre os escritos presentados, Nenapingüin conquistou ao tribunal e foi elixida de xeito unánime. O xurado destacou que se trata dunha historia “apta para un abano moi amplo do público infantil que interpela directamente a intelixencia e a sensibilidade do lectorado”. Nesta edición, o xurado estivo conformado polo director de edicións da Editorial Galaxia, Marcos Calveiro, pola vicepresidenta da Asociación Cultural Barbantia, Encarna Pego, e polo gañador da sétima edición do premio, Óscar Reboiras.
Coa de 2025, o Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro vai xa pola súa oitava edición. Con este certame, organizado polo Concello en colaboración coa Asociación Cultural Barbantia e a Editorial Galaxia, búscanse varios obxectivos: promover a cultura en galego, darlle aos novos autores e autoras a oportunidade de dar a coñecer o seu traballo e homenaxear a Xosé Carlos Mosteiro Fraga.
Durante a súa intervención, a concelleira de Cultura destacou o “alto nivel da edición”, así como o aumento no número de “traballos presentados, algo que nos confirma que o certame continúa afianzándose na comarca”. Así, o ano pasado presentáranse 30 propostas, mentres que este ano esta cifra chegou ás 35.
Como premio, Landesa recibirá un galardón económico de 3.000 euros e verá publicada a súa historia dentro da colección Árbore da editorial Galaxia.
A traxectoria de Daniel Landesa
Daniel Landesa é licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e o Carlos Mosteiro non é o único galardón que ostenta. Así, o vigués conseguiu tamén o Premio de Poesía Celso Emilio Ferreiro do IES de Celanova (1995), o Premio de Poesía Universidade de Vigo (2001), o primeiro accésit de teatro da Universidade de Vigo (2001) e o premio no VIII do Certame de Narración Curta do Concello de Curtis.
O escritor é autor de títulos como Caramonia (Xerais, 2023), Penumbra (Xerais, 2019), Da casa nova (A vida en Prypiat, 2014), Ningún paxaro exótico (A vida en Prypiat, 2017), Unha sorpresa para Goruk (editorial Galaxia, 2012), entre outros.



