Daniel Pérez recibiu ao ex alcalde de Xenebra Alfonso Gómez Cruz, que se interesou polos proxectos de transformación urbana de Carballo

Redacción

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, vén de manter un encontro co exalcalde de Xenebra Alfonso Gómez Cruz, natural de Corme e integrante dos Verdes. A reunión, que coincidiu coa visita de Gómez Cruz ao noso concello por motivos persoais, permitiu compartir un balance do primeiro ano de Pérez á fronte da Alcaldía e abordar os proxectos cos que o Concello continúa avanzando na transformación urbana.

Alfonso Gómez amosou especial interese polas actuacións financiadas cos fondos europeos EDIL. A súa vinculación co ecoloxismo marcou o intercambio sobre as políticas municipais de recuperación de espazos para as persoas, ampliación das zonas verdes e mellora da accesibilidade.

A planificación estratéxica como base destas actuacións foi un dos eixes da conversa. Os proxectos responden ao obxectivo de avanzar cara a un Carballo máis sostible, máis verde e máis humano, mediante a conexión dos espazos naturais co tecido urbano e da promoción dos desprazamentos a pé e en bicicleta.

Durante o encontro, Daniel Pérez e Alfonso Gómez tamén intercambiaron impresións sobre a situación política xeral en España e en Europa.

A visita dá continuidade á relación de Gómez con Carballo, onde xa fora recibido por Evencio Ferrero o 7 de agosto de 2025. Naquela ocasión, cando exercía a Alcaldía de Xenebra, participou nunha recepción municipal acompañado pola eurodeputada Ana Miranda e por Xosé Abelenda.

Comparte este artigo