HomeA Coruña “De marzo a marzo” na Liga de Amigos de Barallobre

 “De marzo a marzo” na Liga de Amigos de Barallobre

- Anuncio -spot_img

A Concellería de Cultura de Fene leva este domingo a Barallobre unha representación teatral coa que a compañía Opaí Teatro conmemora os sucesos do 10 de marzo de 1972 en Ferrol. A función comezará ás 19.30 horas, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Dirixida por Cristina Mariño, “De marzo a marzo” conta coa participación no reparto de: Juani Hernández, José Piñeiro, Alberto V. Graña, Franki Muíño, Marga G. Pita, Carmen Caeiro, Miguel Curveira, Alexis Sequeiro, Alba Santalla e Luís Pillado.

En “De marzo a marzo”, “cincuenta anos despois dos sucesos do 10 de marzo de 1972 en Ferrol, un rapaz ten que facer un traballo sobre o tema para a escola. Os máis vellos da familia recordan aqueles tempos de loita mentres o resto das personaxes, e eles mesmos, se enfrentan aos desafíos da vida actual”. A peza é un diálogo constante entre o presente e o pasado, entre a comedia e o drama, entre a tenrura e a raiba. Un retrato actual das cousas que cambian co paso da historia e daquelas que parecen non mudar.

No verán de 2021, a organización do Dez de marzo 50 aniversario, propuxo a Opaí Teatro escribir unha peza teatral para conmemorar os sucesos de 1972 en Ferrol durante as mobilizacións obreiras, que remataron coa morte dos traballadores da Bazán Daniel Niebla e Amador Rey. A partires de aí comezou un proceso de investigación a través de documentos da época, traballos de diversos historiadores, biografías e, sobre todo das entrevistas persoais a máis de trinta persoas que foron testemuñas ou protagonistas daquelas mobilizacións. Algunhas entrevistas realizáronse de xeito individual e outras a través de reunións vivenciais organizadas pola SRD Canido. Partindo desta investigación e doutros feitos da actualidade que estamos a vivir, escribiuse o texto.

Opaí Teatro

O grupo nace no ano 2020 no barrio de Canido en Ferrol. Forma parte do Canido Srd, sociedade centenaria cunha importante traxectoria no deporte e a cultura en Ferrol. A maioría dos membros do grupo veñen de formarse na Escola de teatro de Narón, e continúan formándose para seguir mellorando como intérpretes. Tamén teñen experiencia participando noutros grupos de teatro da comarca, polo que, malia ser un grupo de recente creación, as persoas que o integran teñen xa a súa bagaxe teatral. Está dirixido por Cristina Mariño, directora, actriz e dramaturga, que leva traballando profesionalmente desde hai máis dunha década. Opaí busca facer un teatro que conecte coas inquedanzas dos tempos en que nos tocou vivir, tomando esta arte con toda a adicación posible para traballar por un teatro amador de calidade. 

Publicacións Relacionadas