HomeA CoruñaDeclaración institucional pola situación da hostalaría

Declaración institucional pola situación da hostalaría

- Anuncio -spot_img

A corporación municipal do Concello da Pobra do Caramiñal coñece a situación que están a vivi-las persoas que se dedican ó sector da hostalaría na nosa vila, que é un dos máis afectados como consecuencia da pandemia da Covid-19 e de tódalas medidas de restrición que esta motivou ata agora.
O sector da hostalaría é un piar fundamental na economía do noso municipio e dá sustento a moitas persoas e familias, tanto de xeito directo coma indirecto. A súa importancia radica non só no servizo que ofrecen ás nosas veciñas e veciños, senón que tamén supón un recurso turístico de primeira orde, pois a nosa gastronomía e as elaboracións da nosa restauración contan cun gran recoñecemento fóra das nosas fronteiras e incluso das galegas. Polo tanto tamén exerce un poder de atracción ó nivel turístico que acaba repercutindo noutros servizos que ven así incrementadas as súas posibilidades de negocio.
Por este motivo a corporación municipal, por unha decisión unánime das catro organizacións políticas con representación nela, manifesta o seu firme apoio ó sector da hostalaría e fai un chamamento á cidadanía e a outras institucións nos seguintes termos:
• Á cidadanía para que apoie tamén esta xusta reivindicación e se sume ás reclamacións que o sector dirixe ás administracións públicas. Pero tamén para que comprenda a súa situación e se faga responsable e colabore de maneira activa, cumprindo con tódalas normas de protección fronte á Covid cando fai uso dos seus servizos, contribuíndo desta maneira a unha hostalaría segura.
• Ás institucións para tomaren tódalas medidas necesarias para garanti-la supervivencia dun sector tan afectado e de tan grande importancia para Galicia. Á Xunta como Administración que conta coas competencias necesarias para que aprobe un plan de rescate que permita compensar tódolos esforzos que a hostalaría vén realizando dende o primeiro estado de alarma aprobado como consecuencia da pandemia pola Covid. Á Deputación provincial da Coruña para que estableza unha liña de axudas específica, propia ou en colaboración con outras administracións. Ó Goberno do Estado para que teña en conta o sector á hora de establece-las súas liñas prioritarias de actuación, considerando tódalas circunstancias que lle afectan.
A corporación municipal solicita tamén ó Goberno do Concello a adquisición dos seguintes compromisos:
• Colaborar co sector en todos aqueles asuntos que permitan supera-la crise da mellor maneira posible.
• Establecer unha liña de axudas específica para o sector, propia ou en colaboración con outras administracións, se é o caso.
• Sensibiliza-la cidadanía cara a un uso responsable dos servizos hostaleiros.
O sacrificio que ó longo de todos estes meses realizaron as persoas que traballan e viven do sector da hostalaría non debería ser inútil. A nosa solidariedade non debe quedar nada máis ca en palabras, pero dende hoxe, dende aquí, pretendemos facerlle chega-los nosos ánimos e os nosos respectos polo seu enorme esforzo.

Publicacións Relacionadas