A Deputación da Coruña financia o 80% do investimento, mentres que o Concello conseguiu o compromiso da Xunta de Galicia para financiar o 20% restante de modo que o Concello non achegará nin un euro
O presidente provincial sumouse á campaña #EuConZernadas, de apoio á candidatura do cura de Fruíme ao Día das Letras Galegas 2027
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou hoxe unha visita institucional ao Concello de Lousame, onde asinou co alcalde, Esteban Ares García, o convenio de colaboración para executar as obras de renovación do céspede artificial do campo de fútbol municipal de Cabanetán, que contan cun orzamento total de 204.781,14 euros. Un acto no que estiveron acompañados por case todos os concelleiros da corporación municipal así como por representantes do Lesende CF, entre os que estaba Antonio del Río, presidente do club.
A Deputación achegará 163.824,91 euros, o 80% do investimento, mentres que o Concello de Lousame asume o importe restante, que financiará grazas a un acordo conseguido por Esteban Ares coa Xunta de Galicia. O proxecto permitirá substituír o actual céspede artificial, que presenta un elevado desgaste polo uso continuado da instalación, por un novo pavimento deportivo de última xeración, homologado segundo a normativa vixente e adaptado ás esixencias actuais da práctica do fútbol. As obras inclúen a retirada do equipamento existente, o levantamento do céspede actual, a limpeza das canles perimetrais de drenaxe e a instalación dun novo céspede que cumpre coa norma UNE-EN 15330-1 e conta coa certificación FIFA Quality Pro, ademais da colocación de novas bandeirolas regulamentarias.
Valentín González Formoso destacou que esta actuación permite mellorar unha infraestrutura moi utilizada polos clubs e pola veciñanza, garantindo condicións axeitadas de seguridade e calidade para a práctica deportiva. O presidente subliñou que a colaboración cos concellos é unha prioridade para a Deputación, especialmente na mellora das instalacións municipais.
Deputación e Xunta asumen o custo da obra
Pola súa banda, o alcalde de Lousame, Esteban Ares, agradeceu o apoio económico da Deputación para facer posible unha actuación moi necesaria nunha infraestrutura moi utilizada polos clubs e polos veciños e veciñas do concello. O rexedor indicou que “é fundamental que unha administración como a Deputación colabore cos concellos pequenos e rurais á hora de acometer este tipo de investimentos, moi necesarios para a práctica deportiva e non poden ser asumidos en solitario”.
Neste sentido, agradeceu tamén que “a Xunta de Galicia se comprometera a financiar o 20% restante do importe do novo céspede do campo municipal de Cabanetán, aliviando así a carga económica que tiña que asumir o Concello”.
EuConZernadas
Tras agasallar ao presidente provincial cuns licores de Berrimes, Esteban Ares aproveitou para presentarlle o material da campaña “#EuConZernadas”, coa que o Concello de Lousame promoverá a candidatura de Diego Zernadas de Castro ao Día das Letras Galegas de 2027, coincidindo co 250 aniversario da súa morte. Así, Esteban Ares entregoulle a Valentín González Formoso unha serie de libros coa obra literaria completa do Cura de Fruíme, editados polo Concello de Lousame nos últimos 20 anos.
Así mesmo, presentoulle a imaxe da campaña de promoción da candidatura de Zernadas e fíxolle entrega dunha libreta e un bolígrafo coa imaxe corporativa, que será presentada oficialmente nos próximos días. Así mesmo, toda a corporación municipal e representantes do Lesende CF posaron canda o presidente provincial nunha fotografía co hashtag #EuConLousame, co que se promoverá a campaña nas redes sociais.
Máis de 13 millóns investidos en Lousame nunha década
Durante a xornada, o presidente e o alcalde visitaron tamén as obras de renovación de estradas e camiños municipais que conectan os núcleos de Pousada, Carantoña e Cruído, uns traballos nos que se investiron 50.245 euros con cargo ao Plan Único (POS+). Formoso salientou a importancia deste programa para os concellos da provincia e lembrou que dos máis de 13 millóns de euros que a Deputación leva investidos en Lousame na última década, 6,7 millóns corresponden ao Plan Único, que permitiu executar 55 obras no municipio e financiar numerosos servizos públicos.
O presidente destacou que a maior parte das actuacións aprobadas por Lousame con fondos do POS+ destináronse á mellora de estradas e camiños municipais no rural das distintas parroquias, contribuíndo a mellorar a seguridade viaria e a mobilidade da veciñanza.
O presidente destacou que “o Plan Único é a principal ferramenta de cooperación da Deputación cos concellos. Permite que cada municipio decida con autonomía onde investir os recursos, dálles aos concellos estabilidade orzamentaria e garante investimentos sostidos no tempo. Grazas ao POS+, concellos como Lousame poden planificar obras e servizos que melloran de forma directa a calidade de vida da veciñanza”, afirmou.



