Na fase autonómica do certame concorreron 1.032 traballos de 102 centros educativos
Diego Fariña, alumno do Colexio Liceo La Paz da Coruña, representará a Galicia na 45º edición do certame nacional Que é un rei para ti?, co que a Fundación Institucional Española FIES, baixo o patrocinio da Fundación Orange, pretende fomentar nos escolares desde 3º de Primaria a 2º da ESO unha primeira toma de contacto coa monarquía, a figura do xefe do Estado e o seu papel na sociedade.
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, participou na lectura do fallo do xurado, así como na inauguración da exposición dos 41 traballos finalistas entre 1.032 estudantes de 115 centros participantes. O representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP felicitou ao gañador e a todos os participantes. “Cada un deles atopou a imaxinación, o talento e a creatividade para trasladar a súa visión do que representa o rei”, declarou.
O alumno gañador asistirá, xunto co resto de representantes doutras comunidades autonómas, a unha audiencia co rei Felipe VI e realizará unha visita ao Palacio Real. Ademais, neste encontro terá a oportunidade de mostrar ao monarca o seu traballo titulado A Coroa, un imán que nos mantén unidos e en equilibrio, unha maqueta que simboliza a unión de forzas e de equilibrio para que todo funcione.
O traballo gañador, que mostra a vocación científica do estudante, vai na liña dos obxectivos deste concurso de empregar novos formatos como infografías, proxectos ligados á robótica ou animación en 3D, xunto a outras formatos máis tradicionais (debuxo, escultura, redacción, etc.).

