Do espazo ao pasado da Terra: Ana Cambón e Uxía Fernández pechan o SolxCiencia cunha ollada ao cambio climático

Redacción

• A cafetería Baños Vellos acollerá este xoves 13, ás 20.30 horas, unha nova sesión divulgativa con dúas científicas vinculadas á observación da Terra e ao estudo do clima

• A cita chega nun momento especialmente significativo, despois de que a Xunta activase a alerta por escaseza de auga no sistema do río Anllóns

Que pode contar un satélite sobre o planeta no que vivimos? E como podemos saber que clima había na Terra moito antes de que existisen satélites, estacións meteorolóxicas ou rexistros escritos? Dúas perspectivas científicas diferentes, pero profundamente conectadas, protagonizarán este xoves 13 de agosto a última sesión do ciclo SolxCiencia, que se celebrará a partir das 20.30 horas na cafetería Baños Vellos, con acceso libre e de balde.

As protagonistas serán a enxeñeira aeroespacial carballesa Ana Cambón Periscal, controladora da misión europea de observación da Terra Sentinel-3, e Uxía Fernández Pérez, investigadora do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía (GRICA-BIOpast) da Universidade da Coruña.

A actividade chega, ademais, nun momento no que falar da observación e evolución do clima cobra unha especial actualidade en Carballo. A Xunta de Galicia vén de declarar este martes 11 de agosto a situación de alerta por escaseza de auga no sistema do río Anllóns e Costa da Coruña, despois de máis de dous meses con indicadores baixos e ante o descenso continuo dos caudais. O escenario está marcado pola falta de precipitacións e as altas temperaturas.

Esta realidade próxima servirá tamén para comprender por que son tan importantes a investigación climática, as series históricas e os sistemas de observación da Terra: coñecer que está a suceder, comparar a situación actual coa do pasado e dispoñer de datos fiables resulta esencial para entender e anticipar fenómenos relacionados coa seca, a dispoñibilidade de auga ou os cambios nos ecosistemas.
Ana Cambón: o planeta visto desde o espazo

Baixo o título De Carballo ao cosmos, Ana Cambón achegará ao público o seu traballo como enxeñeira aeroespacial e controladora da misión Sentinel-3, unha das misións do programa europeo Copernicus dedicadas á observación continua da Terra. Formouse en Enxeñaría Aeroespacial e desenvolve a súa carreira profesional en Alemaña.

E o que acontece a centos de quilómetros sobre as nosas cabezas ten aplicacións moi concretas aquí abaixo. Sentinel-3 está deseñado para medir, entre outros parámetros, a temperatura da superficie terrestre e do mar, a altura da superficie oceánica e as características da vexetación e das augas, proporcionando información destinada á predición oceánica e á vixilancia ambiental e climática.

Os datos obtidos desde o espazo permiten seguir a evolución dos océanos, dos ecosistemas ou da cobertura vexetal e contribúen tamén ao estudo das secas. Os produtos derivados de Sentinel-3 utilízanse, por exemplo, para detectar de maneira temperá o deterioro da vexetación e posibles situacións de risco por seca.

Deste xeito, Ana Cambón explicará como é traballar diariamente cun satélite, que información se obtén desde o espazo e ata que punto eses datos terminan formando parte de ferramentas que se utilizan para comprender e xestionar o territorio, os recursos naturais e os efectos do cambio climático.

Uxía Fernández: descubrir o clima que ningún satélite puido ver

Se Ana Cambón explicará como observamos a Terra actual desde o espazo, Uxía Fernández Pérez fará unha viaxe na dirección contraria: cara ao pasado.

Fernández forma parte do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía (GRICA-BIOpast) da Universidade da Coruña, que estuda a evolución ambiental e climática mediante rexistros naturais que permiten reconstruír como eran os ecosistemas no pasado.

A súa intervención, O clima que ningún satélite viu, permitirá descubrir como lagos, sedimentos e outros arquivos naturais conservan información sobre temperaturas, precipitacións ou transformacións ambientais acontecidas hai centos ou miles de anos.
Esa mirada cara atrás é fundamental para interpretar o presente. Coñecer as variacións naturais do clima e comparalas cos cambios que se están rexistrando na actualidade permite dispoñer dun contexto temporal moito máis amplo e comprender mellor a magnitude e velocidade das transformacións ambientais contemporáneas.

Dúas escalas para entender un mesmo planeta

A sesión do xoves permitirá así unir dúas formas complementarias de facer ciencia. Por unha banda, os satélites ofrecen unha observación constante e a grande escala do planeta; pola outra, os rexistros naturais permiten ampliar esa mirada moito máis atrás no tempo.
A actividade forma parte da programación de divulgación científica impulsado desde a Concellaría de Innovación dentro do proxecto Talento quilómetro cero (TALK 0), financiado pola Unión Europea. O acceso será libre e gratuíto ata completar a capacidade.

Comparte este artigo