Participan máis de 20 restaurantes e establecementos de hostalería da cidade desde mañá ata o día 23
Ofrecerán pratos, menús e propostas gastronómicas elaborados con produtos de tempada de máxima calidade
Desde mañá, venres 7, ata o día 23 deste mes A Coruña acolle unhas xornadas gastronómicas con chefs excelentes e o mellor produto local. Trátase das III Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico, promovidas polo Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, unha iniciativa con éxito de público en cada edición que ten como obxectivo potenciar o turismo gastronómico sostible.
Nestas xornadas únese o talento dos chefs da cidade co dos produtores da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Un total de 21 establecementos da cidade herculina participan nestas xornadas.
Ofrecerán menús, propostas gastronómicas e pratos creados en exclusiva para estas xornadas e elaborados con produtos de tempada de máxima calidade procedentes da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
Participan nesta edición Peculiar e Charlatán, coas propostas de Álvaro Victoriano; Pablo Gallego; A Empanada Viaxeira, de Pablo Pizarro ou Greca Bar, coas ideas de Alma García e Víctor Rubio. Bido é outro dos participantes nesta edición, da man do chef Álvaro Rodríguez. Tito Fernández, de Restaurante Novo, propón un menú para a ocasión. Daniel Portillo e Emi Pedra fan a súa proposta en Nado; Jorge Trigo na Espiga e Lalo Blanco en Salitre.
Jorge Flores e Manuel Fernández, de Eira Restaurante, son outros dos chefs participantes nesta edición; do mesmo xeito que Iria Espinosa, de Taberna 5 Mares; Moncho Méndez, de Millo; Diego Bello, de Cantón 23; ou Francisco Elvira e Marcos Mancebo, de Restaurante Esencia. Completan a edición deste ano La Conquista, de Hans Wetzell e Anne Chirley Cabello; Pablo Morales, de Habaziro e Café Veracruz; Diego Hernán, de Central Park; Mikel Salanova, de Roots e Alba Barbadillo, de A Parva.
Son 21 dos mellores restaurantes da Coruña, que comparten a paixón pola materia prima de proximidade e elaboraron sofisticadas propostas para esta ocasión, con produto de proximidade. Ofrecerán 25 opcións: desde menús completos ata pratos únicos, tanto salgados como doces. O rango de prezos sitúase entre os 3 e os 60 euros. Os comensais poderán gozar, ademais, de maridaxes con viño e con cervexas 1906 de Estrella Galicia. Tamén hai opcións para celíacos e vexetarianos.
Estas xornadas son froito do traballo conxunto de restaurantes e produtores, co apoio do Consorcio de Turismo e Congresos; unhas xornadas que reforzan a posición da Coruña como destino gastronómico.
Máis información en www.territorioatlantico.es



