O alcalde, Daniel Pérez, e os concelleiros de Obras, Mobilidade e Servizos, Luis Lamas, Juan Seoane e Miguel Vales, respectivamente, realizaron un percorrido por algunhas das obras en marcha dentro do plan de mellora da accesibilidade, que, despois das actuacións realizadas nos últimos anos no barrio das Flores, a zona da Avenida Ponte da Pedra ou A Milagrosa, segue e estenderse pola zona urbana.
As actuacións divídense en tres grupos:
- Actuacións de accesibilidade, que consisten na execución de pasos de peóns totalmente accesibles mediante intervencións en rúas e beirarrúas. Dentro deste apartado realizaranse melloras nas rúas e interseccións Álvaro Cunqueiro, Ramón Cabanillas-Carballo Calero, Avenida de Malpica, Panamá-Avenida Ponte da Pedra, Perú-glorieta Ponte da Pedra, Ecuador, Costa Rica, Vila de Corme-Vila de Arousa-Vila de Caión, Santa Eufemia-Gran Vïa, Vila de Cee, Pintor Luis Seoane, Túnel-Gran Vía, San Xoán Bautista-Santa María-San Antonio, Costureiras, San Martiño e San Martiño-Río Lérez, San Martiño-Río Rosende, San Martiño-Río Deza, onde se estivo a traballar nos últimos días.
- Beirarrúas provisionais de formigón en zonas pendentes de desenvolvemento urbanístico onde non existen ou están incompletas, como son os casos das rúas Pan e Gravador Facal.
- Mellora de espazos públicos a través de ampliación das zonas peonís, a mellora da sinalización vertical e horizontal, a reordenación do tráfico ou a instalación de pasos de peóns. Dentro deste apartado figuran para este ano a mellora de espazos públicos na contorna da rúa Mirtos e na zona das rúas Perú e Baixa, e a obra civil para a colocación de pasos de peóns intelixentes na glorieta da avenida Ponte da Pedra e ao longo da rúa Perú.
O investimento nesta nova actuación de mellora da accesibilidade, que terá continuidade noutros ámbitos, acada os 164.599,03 euros.



