O centro social polivalente de Brión acollerá do 8 ao 29 de novembro a exposición de acuarelas “Lembranzas e Agarimos”, do artista Enrique Valero, veciño do municipio. A inauguración terá lugar mañá sábado 8 de novembro, ás 18:30 horas, nun acto aberto ao público e presidido polo alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín.
“Lembranzas e Agarimos” é unha mostra na que Enrique Valero convida ao espectador a percorrer un camiño visual de lembranzas e afectos a través das súas acuarelas. As obras amosan a súa paixón pola natureza, a luz e os pequenos detalles da vida, transmitindo unha sensación de tranquilidade e conexión co territorio.
A exposición poderá visitarse no centro social polivalente de Brión ata o 29 de novembro, en horario de luns a venres (de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas) e os sábados (de 17:00 a 22:00 horas). Nado en Madrid no ano 1958, Enrique Valero é doutor en enxeñaría forestal e profesor universitario. Hai xa preto de trinta anos decidiu establecerse en Brión, atraído pola beleza da contorna e pola súa luz única.



