Fomentar as relacións sociais e atallar a soidade non desexada entre as persoas maiores a través da creación artística, sexa do tipo que sexa. Ese é o principal obxectivo -ou obxectivos- da iniciativa “Atoparnos en San Sadurniño” que bota a andar este mércores no noso concello como proxecto piloto promovido pola Asociación Cultural Colectivo Residencias Artísticas e Proxectos Magnéticos, baixo a coordinación da dinamizadora Natalia Balseiro. Desde este mércores e ata o 18 de decembro van levarse a cabo seis encontros abertos á veciñanza para que esta faga propostas sobre que actividades creativas levar a cabo, coa intención de programalas de maneira estable ao longo de 2025.
Os encontros desenvolveranse na Casa da Cultura desde as 17:00 até as 19:00h empezando este mércores 13 e continuando os mércores 20 e 27 novembro, e 4, 11 e 18 de decembro. Trátase dunha proposta totalmente gratuita que, porén, require inscrición previa pasando polo Concello ou chamando ao departamento de Servizos Sociais 981 490 027.
“Atoparnos en San Sadurniño” é unha iniciativa do Colectivo Residencias Artísticas e Proxectos Magnéticos (RPM) que conta con apoio económico da Fundación “La Caixa”, ademais da colaboración do Concello. Entre as persoas á fronte do proxecto encóntrase a curadora e mediadora Natalia Balseiro Rodríguez, veciña de San Sadurniño.
A experta en dinamización cultural explica que estas primeiras sesións de “Atoparnos en San Sadurniño” son “unha toma de contacto” que ten por finalidade “coñecernos, xerar vínculos e escoitar”. De feito, o fundamento de todo o proxecto é a participación veciñal non só sumándose a el, senón tamén, e principalmente, decidindo cal vai ser o seu contido. “Queremos que decidan se imos facer teatro, audiovisual… ou o que queiran, a temática van elixila elas e eles”, explica Balseiro sobre uns obradoiros que, malia requirir inscrición previa, “son de asistencia aberta e sen ningún compromiso. A xente pode vir probar un día, dous ou os que queira e se non lle convence pode marchar cando queira”.
Quen acuda á primeira reunión atopará unha proposta sociocultural totalmente distinta ás habituais, xa que “Atoparnos en San Sadurniño” non terá o formato dunha charla ou dun curso, senón que serán as propias persoas participantes quen escollan por onde tirar a partir das dinámicas propostas polas monitoras e monitores do colectivo. Ademais tamén terán unha pequena merenda.
Tal e como explica Natalia Balseiro, as sesións iniciais que se desenvolverán de aquí a decembro son “un traballo de prospección” das preferencias e gustos que teñen as persoas participantes como usuarias finais dun programa “que levaremos a cabo o ano que vén”, previsiblemente tamén con apoio da Fundación “La Caixa”.
A Asociación Cultural Colectivo RPM (Residencias Artísticas e Proxectos Magnéticos) é unha entidade que promove a creación artística e a súa integración como ferramenta de mellora social en distintos ámbitos. A entidade impulsa iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas e, ademais do acompañamento de artistas e procesos, tamén se centra en “xerar diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía”.
Agora o colectivo deseñou o programa de actividades “Atoparnos en San Sadurniño” orientado a aquelas persoas que se atopen en situación de soidade -ou non-, “co obxectivo de crear vínculos duradeiros entre elas de cara a mellorar a súa calidade de vida”. As actividades –conducidas por un equipo de formadoras especializadas en arte e mediación– están concibidas para “pasalo ben e coñecer o que tes en común coa túa veciñanza, de cara a facer plans xuntas”.