As obras incluirán a reforma da cociña, a adquisición de novo equipamento educativo, a dotación dunha cuberta con toldo para o acceso principal e a renovación do pavimento da área de xogos
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e do xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitaron esta mañá a escola infantil Raíña Lupa de Lestedo para anunciar un investimento da Xunta de preto de 50.000 euros que permitirá mellorar os servizos e a atención que se ofrece neste centro municipal.
Ovidio Rodeiro agradeceulle á conselleira e ao xerente do Consorcio a súa visita para anunciar “un investimento moi demandado nesta escola infantil que nos permitirá realizar 3 actuacións: adaptar a parte exterior do parque infantil para nenos e nenas de 0 a 3 anos, realizar melloras no interior do inmoble como a adaptación da cociña ou a adquisición de novo equipamento educativo para as aulas, e mellorar os accesos, colocando unha cuberta no acceso principal para dar unha solución ás familias sobre todo en días como o de hoxe, que chove”. Así mesmo, destacou que o investimento é financiado ao 100% pola Consellería de Política Social e Igualdade.
A ampliación do parque infantil de Lestedo, inaugurado en marzo de 2024, permitiu duplicar a zona de xogos dispoñible anteriormente con novos xogos, sobre todo para nenos e nenas de máis de 3 anos de idade. Un espazo onde destacan unha gran tirolina e un columpio múltiple, con cinco asentos adaptados a distintas idades (dous asentos planos en caucho para crianzas a partir dos 3 anos; dous asentos berce para crianzas menores de 3 anos; e un asento cesto para grupos). Así mesmo, conta cunha torre tobogán composta por tres torres con pasarela, rede e dous tobogáns dirixidos a nenos e nenas de entre os 4 e os 14 anos.
Fabiola García enmarcou esta intervención no compromiso da Xunta coa atención á infancia e o apoio á conciliación das familias, a través de investimentos de mellora nos centros de 0 a 3 anos ou tamén con medidas pioneiras como a gratuidade desta etapa educativa. Ao respecto, lembrou que este é o cuarto curso consecutivo no que as familias galegas non teñen que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos ou fillas, vaian a unha escola 0-3 da Xunta, dependente dun concello, de iniciativa social ou privada. Grazas á gratuidade, Galicia lidera a taxa de escolarización no primeiro ciclo de Infantil con case un 65%, situándose 15 puntos por riba da media nacional.
Melloras en escolas das redes autonómica e local
As melloras que se levarán a cabo neste centro forman parte dun novo programa de intervencións en escolas infantís públicas de 0 a 3 anos toda Galicia, de titularidade municipal e autonómica, ao que a Xunta destinará preto de 1M€.
Con estes fondos, procedentes do Fondo de Cohesión e Transformación Social (FCT), acometeranse actuacións de reforma, de ampliación, de renovación de cubertas e fachadas ou de equipamento en 14 concellos de toda Galicia. Serán os municipios os encargados de contratar e executar os traballos, que deberán estar rematados en decembro deste ano.



