A conselleira de Política Social mantivo un encontro esta mañá con dúas das familias beneficiarias desta axuda no concello de Lousame
A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou que a Tarxeta Benvida chegou a preto de 67.000 galegas e galegos durante os seus cinco anos de vida. Desde 2016 o Goberno galego leva investidos un total de 91 millóns de euros nesta prestación, segundo lembrou a responsable do departamento autonómico nun encontro mantido esta mañá con dúas das familias beneficiarias desta axuda no concello coruñés de Lousame.
Un encontro no que Fabiola García estivo acompañada pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e os concelleiros de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, e Obras, Ramón Martínez. A alcaldesa lousamiá, quen destacou que “o rural é o mellor lugar para criar a un neno e nena”, agradeceulle á conselleira que elixira Lousame para presentar a nova campaña da Tarxeta Benvida.
Así mesmo, aproveitou para agradecer a colaboración da Consellería de Política Social con Lousame: “triplicáronse as horas que temos de axuda a domicilio, contamos co seu apoio no centro de día, no Punto de Atención á Infancia, nos obradoiros para maiores, que seguen operativos pero en grupos moito máis reducidos debido á situación que estamos a atravesar, ou no servizo Concilia, actividades para antes de entrar ao colexio e para as vacacións de verán”. Neste sentido, amosou a súa confianza de seguir contando co apoio da Xunta “pois coa Covid os gastos sociais multiplicáronse”.
Nova orde de axudas
Fabiola García sinalou que esta aposta incondicional continuará durante este ano 2021. Neste sentido, apuntou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova orde que destina 32,2 millóns de euros a esta axuda, e que permitirá que os nacidos neste ano sigan tendo acceso a ela para a compra de produtos básicos como alimentos, cueiros, roupa, berces ou produtos de hixiene e farmacéuticos.
Neste sentido, resaltou que a Xunta foi mellorando durante estes anos a Tarxeta Benvida para chegar cada vez a máis familias. Entre outras modificacións, ampliouse o prazo para solicitala durante o embarazo; aplicouse un complemento ás familias que viven en concellos de menos de 5000 habitantes, ás familias numerosas e ás familias con menos recursos; e adaptou os requisitos para que a poidan solicitar os galegos retornados.
Outras axudas
Por outro lado, a conselleira fixo fincapé en que a Xunta tamén impulsa outras medidas destinadas a converter Galicia no mellor lugar para formar unha familia. É o caso da gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos, que beneficia aos centros autonómicos, privados, de iniciativa social e aos municipais que, como no Concello de Lousame, decidisen adherirse.
Así mesmo, concretou que todas estas medidas para apoiar ás familias galegas están incluídas na Lei de Impulso Demográfico, que se debaterá a semana próxima no Parlamento galego para a súa aprobación definitiva. Trátase, engadiu, dunha normativa que converterá a Galicia en pioneira en elevar a rango de lei as políticas demográficas