HomeA CoruñaFelisa Segade actúa este xoves no Teatro Colón co seu novo proxecto...

Felisa Segade actúa este xoves no Teatro Colón co seu novo proxecto musical acompañado por Pedro Lamas

- Anuncio -spot_img

A artista presenta unha proposta que une tradición oral galega, jazz e emoción contemporánea, nun espectáculo íntimo e cargado de matices

O Teatro Colón da Coruña acollerá o vindeiro 20 de novembro ás 20.30 horas o concerto de Felisa Segade, vocalista e percusionista referente da música tradicional galega, que presenta unha nova proposta artística en colaboración co recoñecido saxofonista e compositor Pedro Lamas.

No espectáculo, Felisa Segade, cofundadora de Leilía e figura esencial na recuperación da tradición oral galega, mergúllase nun novo universo sonoro no que conflúen as fontes da música popular e os arranxos contemporáneos, nun exercicio de autenticidade e exploración emocional. A acompañan catro saxofonistas con ampla traxectoria na música galega e no jazz: Pedro Lamas, Pablo Añón, Miguel González e Toño Otero, cunha formación que destaca pola súa elegancia interpretativa, precisión e forza expresiva.

A proposta musical parte das recollidas tradicionais e da memoria sonora das aldeas galegas, con cancións que protagonizaron a vida cotiá ao longo do século XX, e ofrécese agora cunha lectura actual, rica en matices e comprometida coa raíz cultural.

As entradas están xa á venda a través da plataforma www.ataquilla.com e tamén poden adquirirse na taquilla da praza de Ourense (de luns a venres, de 11.00 a 15.00 h e de 16.30 a 19.30 h) e na taquilla do Teatro Colón, desde dúas horas antes do inicio do espectáculo, sempre que haxa localidades dispoñibles.

O concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, destacou que “este concerto representa a combinación perfecta entre raíz e innovación, unha aposta polo talento galego e polo valor da nosa tradición interpretada desde a contemporaneidade”.

Esta nova cita musical insírese na programación escénica promovida polo Concello da Coruña, que segue a medrar co impulso do Goberno de Inés Rey, cunha clara aposta pola cultura galega e pola posta en valor do noso patrimonio inmaterial a través da escena contemporánea.

Publicacións Relacionadas