Quen complete a “Fenerruta” optará a unha viaxe a Londres, Milán, Málaga ou Sevilla, entre outros importantes premios
Oito establecementos compiten por conseguir a distinción á mellor tapa fenesa
O Concello de Fene acolleu esta mañá a presentación do XV Concurso de Tapas, un evento que se celebrará nas fins de semana entre o 4 e o 13 de abril. Un total de oito tapas de outros tantos locais competirán por facerse coa distinción de mellor tapa, a criterio do público e segundo un xurado profesional.
Durante a presentación, a concelleira de Promoción Económica, Ángeles Coira, destacou a importancia deste evento para dinamizar a hostalaría local e promover a creatividade gastronómica dos establecementos participantes. “O Concurso de Tapas de Fene é unha cita consolidada no calendario gastronómico da comarca, que cada ano atrae á veciñanza e visitantes dispostos a descubrir novas propostas culinarias. Ademais, permite poñer en valor a calidade e o bo facer do noso sector hostaleiro, que cada edición sorprenden cun nivel máis alto”, subliñou.
Os petiscos a concurso desta edición son “Samporiña”, de Arrecendo; “Tortilla de grelos con chourizo e mollo”; do C.M.I.U de Fene; “Buñuelos de cocido”, da Cafetería Bombay; “Mare croccante”, da Cafetería Lembranza; “Tortilla de bacallau con algas”, da Cantina do Pote; “Tricolor con chips de guanciale”, de O son da Cociña; “Priuleta O Torreón, de O Torreón; e “Bikini de carrilleras ao Pedro Ximénez”, de Pachamama.
O xurado profesional, designado por alcaldía, estará composto por unha persoa representante do Concello de Fene; un/ha mestre/a de cociña e unha persoa representante da Asociación de Empresarios de Hostalería Ferrol e Comarcas. Por outra banda, o público que deguste todas as tapas pode votar pola súa tapa favorita a través da Fenerruta, na que deberá ir selando o paso polos diferentes locais participantes.
As tapas teñen un prezo de 2,50 €, e poderán degustarse entre o o 4 e o 13 de abril nos seguintes horarios: venres de 20.00 a 22.00h; sábados de 13.00 a 15.00h e de 20.00 a 22.00 horas, e os domingos de 13.00 a 15.00h.
Premios do XV Concurso de Tapas
Entre todas as persoas que completen a Fenerruta sortearase unha viaxe a Milán, Londres, Sevilla ou Málaga, cortesía de Estrella Galicia; unha subscrición no ximnasio Fitness Fene durante 3 meses, cortesía de Fitness Fene e unha limpeza da tapicería dun turismo, cortesía de Ecolimpauto.
Ademais, coas tarxetas de participación pódese optar a premios que inclúen un pequeno electrodoméstico, cortesía de Electro Agro Fene; tres estoxos de produtos, cortesía de Bodegas Barral; un mes de clase en calquera modalidade, cortesía da Escola de Música Bellón Maceiras; tres libros de cociña, cortesía de Imprenta San Esteban; unha maleta de cabina, cortesía de Arlo Viajes; e outra maleta de cabina, cortesía de Organiza Viajes.
En canto aos premios para os locais participantes, ademais do correspondente diploma acreditativo en cada unha das modalidades (xurado e voto popular), os campións recibirán unha cesta de produtos cortesía de Eroski Center (voto do xurado) ou unha cesta de produtos cortesía da Cooperativa Santa María do Val (voto popular). No caso dos establecementos que queden en segundo lugar, recibirán un batedor, cortesía de Establecementos Aguilar, tanto no voto do xurado como no popular.