A alcaldesa, Sandra Permuy, e o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, presentaron en Madrid un modelo baseado nos festivais e na identidade cultural propia
O Perla Mural Fest consolida a proxección internacional de Fene no Street Art, con dos murais elixidos Mellor Mural do Mundo e unha nova nominación
O Concello de Fene participa esta semana na FITUR, a Feira Internacional de Turismo que se celebra en Madrid, cunha proposta centrada no turismo cultural e creativo. A alcaldesa, Sandra Permuy, e o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, desprazáronse ata a capital para dar a coñecer un modelo turístico propio, baseado na cultura contemporánea, a música alternativa e a arte urbana como elementos diferenciais.
A proposta de Fene en FITUR pivota arredor dun verán cultural que ten como eixes principais os festivais Perla Mural Fest (22-28 de xuño), Felicia Pop (31 de xullo – 1 de agosto) e FeneRock (setembro), aos que se suma o xa consolidado Mes da Patria. Conxuntamente, estas citas configuran unha programación continuada que converte o concello nun referente da cultura alternativa en Galiza, cun impacto crecente tanto a nivel local como exterior.
Neste contexto, a alcaldesa destacou o papel do Perla Mural Fest como proxecto tractor da proxección internacional de Fene. “Falamos dun festival que situou o noso concello nun mapa cultural global, cunha identidade propia e recoñecida”, sinalou. Proba diso son os dous murais realizados en edicións anteriores —A violonchelista de Fene, de Sfhir, e O Charanguista Andino, de Cristóbal Persona— que foron distinguidos como Mellor Mural do Mundo polo certame internacional de Street Art Cities.
A esta traxectoria súmase agora unha nova nominación: As Mouras, do artista galego Wedo Goás, realizado na última edición do festival, foi seleccionado para competir na categoría Expert Spotlight, unha distinción de especial relevancia na que só 25 murais de todo o mundo son nomeados cada ano. “Este recoñecemento confirma que o camiño iniciado ten percorrido e que Fene é xa un espazo de creación contemporánea recoñecido internacionalmente”, engadiu Permuy.
Encontros con empresas e axentes turísticos e culturais
Durante a súa presenza en FITUR, a alcaldesa e o concelleiro de Cultura mantiveron tamén unha axenda de encontros con empresas e axentes do sector turístico e cultural, co obxectivo de consolidar sinerxías, explorar vías de colaboración e seguir avanzando nun modelo de desenvolvemento vinculado á cultura, á creatividade e á experiencia das persoas visitantes.
No marco da feira, os representantes municipais participaron ademais na presentación da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, baixo a marca do xeodestino Ferrolterra, que acudiu a FITUR coa proposta Ferrolterra Máxica: tradición e natureza para todas as persoas viaxeiras. Un espazo no que se puxo en valor a diversidade do territorio e a complementariedade das distintas ofertas turísticas da comarca.
Desde o Concello de Fene salientan que a presenza en FITUR reforza a aposta por un turismo sostible, vinculado á cultura e á identidade local, e orientado a atraer visitantes interesados en experiencias auténticas, creativas e de calidade.



