O encontro celebrarase o 26 de abril no Pavillón A Xunqueira e reunirá afeccionadas ao encaixe, bordado, patchwork e outras técnicas téxtiles.
As persoas interesadas aínda están a tempo de inscribirse chamando ao 981 492 767
O Concello de Fene ultima os preparativos para a Xuntanza de Palilleiras e outros labores tradicionais, que terá lugar o venres 26 de abril no Pavillón A Xunqueira de San Valentín. Unha cita de referencia para as persoas amantes das técnicas téxtiles, onde se darán cita afeccionadas ao encaixe, bordado, calceta, patchwork e moitos outros traballos artesanais.
A xornada desenvolverase en dobre quenda, de 10.30 a 14.00h e de 16.00 a 19.00h, ofrecendo unha oportunidade única para compartir coñecementos, coñecer diferentes elaboracións e desfrutar dun día de convivencia entre persoas apaixonadas polos labores tradicionais.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Ángeles Coira, destacou a importancia deste evento, que “non só pon en valor o traballo artesanal e a tradición téxtil, senón que tamén supón un punto de encontro para tecer lazos entre persoas de diferentes lugares, mantendo vivo o legado destas técnicas”.
Desde a organización lembran que a inscrición está aberta durante os próximos días, polo que as persoas interesadas en participar poden anotarse ou solicitar máis información chamando ao 981 492 767.