HomeA CoruñaFene presenta “Mulleres da Reconversión”, un proxecto para recuperar a memoria das...

Fene presenta “Mulleres da Reconversión”, un proxecto para recuperar a memoria das mulleres na reconversión naval

- Anuncio -spot_img

A Deputación da Coruña impulsa esta iniciativa de memoria e igualdade que culminará cun documental, unha exposición itinerante e unha publicación dixital

A alcaldesa de Fene e a directora de Navantia Fene subliñan o valor social, identitario e comunitario do proxecto

O Salón de Plenos da Casa do Concello de Fene acolleu esta mañá a presentación do proxecto “Mulleres da Reconversión”, unha iniciativa impulsada pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Fene, que ten como obxectivo recuperar, visibilizar e poñer en valor as historias de vida das mulleres vinculadas á reconversión naval e á transformación industrial da comarca de Ferrolterra ata os nosos días.

No acto participaron Sol Agra, deputada de Igualdade da Deputación da Coruña; Cristina García, deputada provincial de Plans; Sandra Permuy, alcaldesa de Fene; e Carla Chawla, directora de Navantia Fene, que amosaron o seu apoio ao proxecto e destacaron a importancia de rescatar unha memoria colectiva historicamente invisibilizada.

A deputada provincial de Igualdade, Sol Agra, destacou que “Mulleres da Reconversión forma parte da aposta decidida da Deputación da Coruña por integrar a memoria, a igualdade e a xustiza social nas políticas públicas”, subliñando que o proxecto está aliñado cos obxectivos do Plan de Igualdade Provincial e forma parte da programación especial do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. Agra puxo en valor “a necesidade de recoñecer o papel das mulleres non só como acompañantes, senón como suxeitos activos da historia económica e social do noso territorio”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, quixo achegar unha visión máis persoal e emotiva, definíndose como “filla da reconversión” e lembrando o impacto que as sucesivas crises do naval tiveron nas familias e nos barrios do concello. Permuy puxo en valor o papel das mulleres de Fene como “sostén dos fogares, das comunidades e das loitas colectivas” e destacou a importancia da colaboración co tecido local para facer posíbel este proxecto “que nace desde Fene e coa súa xente”.

Por último, a directora de Navantia Fene, Carla Chawla, amosou o compromiso da empresa coa iniciativa, como con todas as iniciativas relacionadas coa promoción da muller no ámbito naval, anunciando a súa disposición a colaborara activamente na documentación do proxecto, ao tempo que adiantou a organización dunha visita das mulleres participantes ao estaleiro, como xesto simbólico de recoñecemento e conexión entre pasado, presente e futuro da muller na actividade naval.

Memoria viva das mulleres que sostiveron a reconversión en Fene

O proxecto “Mulleres da Reconversión” comezou a finais do 2025 cunha primeira fase de documentación, e continúa o seu desenvolvemento coa participación de mulleres das distintas parroquias de Fene, a través das entidades locais. Inclúe un traballo de investigación e dinamización comunitaria para recoñecer testemuños, vivencias, fotografías, documentos e materiais persoais.

O resultado deste proxecto quedará materializado nun documental, unha exposición itinerante e unha publicación dixital. Estas tres pezas recollerán os contidos e testemuños xerados ao longo do proxecto.

A iniciativa culminará coa presentación pública do documental e da exposición no marco do 8 de Marzo, reforzando así o seu carácter feminista, reivindicativo e de historia colectiva.

Con este proxecto, a Deputación da Coruña e o Concello de Fene reafirman o seu compromiso coa igualdade, coa memoria democrática e co recoñecemento das mulleres que sostiveron, en silencio, boa parte da historia industrial e social da comarca.

Publicacións Relacionadas