A Concellería de Deportes de Fene anuncia para este domingo, 6 de xullo, a 31ª edición do Día do Deporte na Rúa. A xornada, que incluirá múltiples actividades deportivas e de lecer para todos os públicos, desenvolverase de 10.30 a 14.00 horas na avenida do Tarrío, rúa San Salvador e arredores do CCRD de Perlío. En caso de choiva, trasladarase ao interior do pavillón A Xunqueira de San Valentín.
Un dos grandes atractivos desta nova edición do Día do Deporte na Rúa será, sen dúbida, a tirolina xigante que voltará a Fene instalándose na Avda do Tarrío (perto do Centro de Saúde). O horario da mesma será: o domingo, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00, e o luns, de 17.00 a 20.00 horas.
A maiores, o domingo pola mañá, no marco do 31º Día do Deporte na Rúa, haberá en Perlío diferentes espazos para practicar tenis, judo, defensa persoal, pilates, taekwondo, karate, orientación, xadrez xigante, fútbol, pintadas, futbolín humano inchable, tobogán inchable, inchable de saltos con obstáculos, remo con pantalla, esgrima, chave, boccia, slackline, baloncesto en cadeira de rodas, baloncesto 3×3, hockei, indiaka, bádminton, carreiras de velocidade e pickleball. Tamén se anuncian obradoiros de valoración funcional, de circo (malabares e equilibrismo), de elaboración de chapas, circuito en cadeira de rodas, circuito de karts e zona xigante de xogos tradicionais.
Segundo informa a Concellería de Deportes, a participación en todas as actividades será de balde e, coma en edicións anteriores, as persoas que participen en tres actividades, poderán facerse cunha camiseta conmemorativa da xornada, até esgotar existencias.
ORGANIZA: Concello de Fene (Concellería de Deportes) // COLABORAN: Deputación da Coruña, Eroski Fene, Colexio Jorge Juan Perlío, CCRD Perlío, Amigos da chave de Ferrolterra, Escudería Scratch Fene, Club Kang, Club Artes Marciais Fene e Familia Bértoa.