Home A Coruña Ferrol acolle este sábado a IV Primavera no Camiño Inglés, que promove...

Ferrol acolle este sábado a IV Primavera no Camiño Inglés, que promove os atractivos etnográficos, gastronómicos e culturais dos municipios polos que pasa esta ruta xacobea

- Anuncio -

O evento está organizado pola Deputación da Coruña e a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, coa colaboración do Concello de Ferrol

Oroso fará un showcooking con troitas e levará a Lembranzas do Tambre; Ordes organizará un graffiti con “Nana”; Mesía organizará un obradoiro de figuras de barro e Santiago promoverá un espectáculo de maxia

A praza de Armas de Ferrol acollerá este sábado 19 de xuño a cuarta edición de Primavera no Camiño Inglés, unha iniciativa promovida pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña para poñer en valor os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta, que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela. Unha iniciativa que foi presentada esta mañá en Ferrol polo seu alcalde, Ángel Mato, e o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás.

Manuel Mirás agradeceu tanto a colaboración da Deputación da Coruña como “o traballo realizado ao longo dos últimos meses por todo o persoal municipal dos dezaseis concellos que integran a asociación e, de forma moi especial, ao persoal do Concello de Ferrol polo magnífico traballo realizado para que Primavera no Camiño Inglés sexa todo un éxito”. Neste sentido, destacou que o Camiño Inglés “é un motor de dinamización socioeconómica como non hai outro: o seu impacto económico nos concellos polos que pasa é de 4 millóns de euros, iso supón unha media de gasto de 250 euros por peregrino”.

Sobre a programación preparada para este sábado, Mirás Franqueira destacou que “este ano participan por primeira vez tres entidades de fora de Galicia: Visit Durham, Turismo de Irlanda e a Sociedade do Camiño, tamén de Irlanda. Que estas tres entidades vaian estar este sábado na praza de Armas de Ferrol é un éxito do traballo que a Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña estamos levando nas Illas Británicas de promoción desta ruta xacobea e de recuperación dos antigos camiños de peregrinación”.

Pola súa banda, Ángel Mato, coincidiu con Mirás en que “temos que empezar a reactivar a provincia, a reactivar este turismo con precaución e cautela”, un marco no que encadrou Primavera no Camiño Inglés, un evento “de vital importancia para nós”. Neste sentido, o alcalde ferrolán destacou que “Ferrol ten avanzado moito pero aínda nos queda moito por descubrir neste Camiño, especialmente sendo Ano Santo”.

Programación

Todas as actividades de Primavera no Camiño Inglés son de participación gratuíta, se ben o número de prazas é limitado polo que se pode realizar unha inscrición previa, a través de info@caminoingles.gal, ou anotarse presencialmente o propio sábado.

Entre as 11:00 e as 22:00 horas, a praza de Armas Ferrol acollerá os postos nos que os dezaseis municipios adheridos á asociación (A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela) darán a coñecer a súa variada oferta turística. Para iso organizarán diferentes actividades: showcookings, actuacións de música tradicional, espectáculos de maxia, presentacións de proxectos turísticos, obradoiros infantís e para adultos, elaboración dun graffiti…

Inauguración oficial

Primavera no Camiño Inglés será inaugurado ás 12:00 horas, nun acto presidido polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e no que participarán o vicepresidente da institución provincial, Xosé Regueira; o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás; así como alcaldes e concelleiros dos distintos municipios polos que transcorre o Camiño Inglés.

Entre outros eventos, están programados catro showcookings. Dúas maridaxes: troitas de Oroso con pan de Carral (13:30 horas) e queixo e requeixo de Campo Capela (Pontedeume) con pan de Neda (17:30 horas). Así mesmo, o Concello de Ferrol programou un showcooking co chef Dani López (do Restaurante Camiño Inglés) ás 18:00 horas e o Concello de Cabanas a presentación da miniburguer Peregrina do Eume, de Antonio Díaz (Foodtruck Autga) ás 14:15 horas.

En canto ás presentacións turísticas, o Concello de Abegondo presentará o proxecto “Life Water Way”, para dotar de auga potable esta ruta xacobea (13:00 horas). O Concello de Carral presentará os segredos de elaboración do pan de Carral (13:30 horas), mentres que o Concello de Miño optará por promover o turismo náutico con: “A dúas velas: experiencias náuticas accesibles” (17:00 horas). Finalmente, a música correrá a cargo do grupo de gaitas e baile do Concello de Abegondo (19:00 horas) e das cantareiras de Lembranzas do Tambre, do Concello de Oroso (19:30 horas).

Na programación infantil inclúense dous obradoiros: un de barro do Concello de Mesía (de 12:00 a 14:00 horas) e outro do Concello de Fene, coa ceramista Carme Romero (de 18:30 a 20:00 horas). Así mesmo, o Concello de Neda organizará ás 17:00 horas un taller de pan de Neda. Tamén está prevista unha demostración do Can Peregrino, da man do Club Can de Palleiro (16:00 horas).

Entre as actividades culturais destacan un obradoiros de instrumentos tradicionais do Concello de Narón (de 11:00 a 13:30 horas) e outro de fiandeiras do Concello de Cabanas (de 17:00 a 20:00 horas). Durante toda a xornada, a ilustradora de murais Nana, do Concello de Ordes, elaborará un graffiti mentres a asociación Aspaneps exporá un Cubo de Viñetas do Camiño, organizado polo Concello de Fene. O Concello de Santiago achegará o espectáculo de maxia “Ao outro lado do espello” (11:00 horas), mentres que ás 13:15 horas terá lugar unha declamación do peregrino medieval William Wey (interpretado polo actor Suso Martínez do Concello da Coruña), ás 13:15 horas.

Actividades especiais

Primavera no Camiño Inglés inclúe tamén actividades no porto de Ferrol. Ás 16:30 horas haberá un paseo en barco pola ría, cortesía do Concello de Ferrol, para 120 persoas. Inscricións o mesmo sábado na Oficina de Turismo de Ferrol ou chamando ao 981 94 42 52. E ás 18:00 horas terá lugar a inauguración da exposición cos traballos presentados ao primeiro Concurso de Fotografía dixital do Camiño Inglés, na sala de exposicións do Porto de Ferrol.

En Esteiro, das 11:00 ás 20:00 horas, terá lugar un Photocall dos Peregrinos. Os 20 primeiros en facerse a foto e a amosen no stand de Ferrol, recibirán un agasallo. Finalmente, no barrio de Caranza, tamén de 11:00 a 20:00 horas, terá lugar “O Camiño Inglés en poni”, organizado por Equiocio.

Ferrol acollerá a cuarta edición de Primavera no Camiño Inglés, que estaba inicialmente programada para o ano 2020, pero tivo que ser adiada debido á pandemia sanitaria. Nas súas edicións anteriores, celebradas en Pontedeume e Betanzos, consolidárona como unha cita anual de promoción do Camiño Inglés.

Relacionadas

Inés Rey reivindica o valor para a cidade da Escola Municipal de Música na...

0
“A esencia desta institución non é só formar músicos, senón tamén persoas”, dixo a alcaldesa A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, interveu esta tarde na...

Yoya Neira destaca os valores da Asociación de Amas de Casa no Día da...

0
A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, asistiu hoxe en Palexco en representación da alcaldesa, Inés Rey, A tradicional comida do Día da Amizade...

Instalada a pasarela entre Agramar e Areeiros, preto do Sol y Mar

0
A pasarela que facilita a comunicación ciclopeonil entre as prazas de Agramar e Areeiros, na contorna do Sol y Mar e relacionada coas obras...

O ‘Obradoiro de emprego A Laracha VIII’ rehabilita o Centro Sociocultural de Erboedo

0
Paralelamente a especialidade de traballos de carpintería e moble actúa na mellora do paseo fluvial do Anllóns. O Concello ten en marcha desde hai case...

Compostela demanda a elaboración dun Plan estratéxico para coordinar os aeroportos galegos

0
A alcaldesa defendeu a necesidade dunha política aeroportuaria coordinada e planificada baseada nun plan estratéxico e "liderada por Santiago como punto de referencia e...

O Concello da Pobra convoca unha asemblea veciñal para informar do proxecto de ampliación...

0
Informar do impacto do proxecto de ampliación das instalacións de Escurís S.L. na contorna da Baiuca, ao abeiro da solicitude de declaración de interese...

Publicacións Relacionadas