A inscrición, gratuíta para escolares e 6 € para persoas adultas, pode realizarse a través de www.emesports.es ata o 29 de abril
O Concello de Frades convoca a undécima edición da súa Carreira Pedestre Popular, que terá lugar na mañá do mércores 1 de maio. Organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo, a carreira terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira e unha lonxitude de 8,6 quilómetros na súa categoría absoluta. Unha proba incluída no XII Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña, sendo en 2025 a mellor valorada da comarca de Ordes e a quinta da provincia.
As inscricións deberán realizarse a través da páxina web www.emesports.es antes das 23:59 horas do mércores 29 de abril. As anotacións nas probas escolares son totalmente gratuítas (é dicir, sub 6, sub 8, sub 10, sub 12, sub 14, sub 16 e sub 18) mentres que os demais atletas (sub 20, sub 23, senior e Master 1, 2, 3 e 4) deberán achegar 6 euros.
Premios
O Concello de Frades destina máis de 2.000 euros en premios para os cinco primeiros clasificados da categoría absoluta (250, 150, 100, 75 e 50 euros), tanto na categoría masculina como feminina; así como para os tres mellores equipos (150, 100 e 50 euros). A clasificación por clubs será establecida a través da suma dos puntos acadados polos seus 8 primeiros corredores en cruzar a liña de meta (cuxas inscricións individuais deberán realizarse en www.emesports.es e despois o club ou centro escolar deberá remitir o listado de participantes ao correo santiago@atletismo.gal). A maiores, repartiranse vales de 100, 50 e 30 euros para os clubs que máis participantes acheguen á categoría escolar, vales que poderán cambiar por material deportivo.
Ademais dos premios en metálico, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, tanto para homes como para mulleres. O Concello de Frades tamén entregará trofeos especiais aos tres primeiros equipos masculinos e femininos, así como para os tres primeiros clasificados/as empadroados/as en Frades. Así mesmo, haberá medallas para todos os participantes escolares. Os trofeos non serán acumulativos, agás os correspondentes aos atletas locais.
Food-Truck
Como todos os anos, a Carreira Pedestre Popular Concello de Frades porá a disposición de todos os atletas un servizo de fisioterapia e quiromasaxe, así como roupeiro, servizos médicos obrigatorios e servizo de vestiario e duchas no pavillón municipal de Ponte Carreira. A maiores, haberá servizo de baños a carón da saída/meta e inchables para os máis pequenos, que se sumarán aos xogos xa dispoñibles nos parques infantís. A novidade deste ano será un food-truck que se emprazará na praza pública de Ponte Carreira para ofrecer servizo de xantar rápido tanto aos corredores como aos seus familiares.
Pese a levar catro anos retirada da competición, Paula Mayobre continúa sento a raíña absoluta desta proba, pois gañou en cinco das súas seis participacións. Unha senda que sigue Uxía Pérez Bugarín, gañadora das dúas últimas edicións. Completan o palmarés corredoras de renome como a maratoniana Ester Navarrete, Edymar Daniely Brea ou Sandra Mosquera.
Na proba masculina hai máis variedade de gañadores, pois só Lolo Penas e Nuno Costa foron quen de inscribir o seu nome dúas veces entre os gañadores e ninguén foi quen de gañar dúas probas seguidas. O resto de triunfos foron para Víctor Rioboo, Hassan Lekhili, David Santos, Pablo Bocelo, Jorge Puis e o actual campión David de la Fuente.
Probas
A XI Carreira Pedestre Popular Concello de Frades desenvolverase a partir das 10:00 horas do 1 de maio na contorna da praza pública de Ponte Carreira. A proba principal, con saída ás 11:30 horas, percorrerá 8,6 quilómetros nunha ruta que combina asfalto e terra e que terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira. Os atletas correrán cun Chip que lles será entregado no momento de recoller o dorsal e que deberán entregar unha vez crucen a meta. Os dorsais poderán recollerse na Secretaría da Competición, na praza de Ponte Carreira, ata media hora antes da proba. Haberá servizo de vestiario e de duchas a disposición de todos os atletas no polideportivo municipal.
As probas escolares darán comezo ás 10:00 horas coa categoría Sub 18 e Sub 16, que percorrerán 3 km. Ás 10:30 horas terá lugar a saída dos Sub 14, para percorrer 2 km, seguidos dos Sub 12 e Sub 10 (800 metros), Sub 8 (500 metros ou unha volta á praza) e Sub 6 (300 metros).
A XI Carreira Pedestre Popular Concello de Frades está organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo. Conta coa colaboración de: Deputación da Coruña, Central de Frades Sociedade Cooperativa Galega, Gofer Frutas Ordes, Froitería A Nova, Sportec Ordes, Nutri Sport, Erimsa, Supermercado Claudio María Vázquez Pardo, Pepsico, Camba Distribuciones SL, Centro de Fisioterapia y Rehabilitación Jessica Gómez, Supermercado Tandy, Bar Vilariño, Toribio Viqueira, Imprenta Alpi, Garabato de Xogos, Artio, As Puntadas, Feiraco, Aliviflex, Río-Optimilk, Todo Saúde Clínica Integral e Carreiras Galegas.



