HomeA CoruñaGalaicos e romanos deixaron a súa pegada no Castro da Croa de...

Galaicos e romanos deixaron a súa pegada no Castro da Croa de Postmarcos

- Anuncio -spot_img

Na escavación realizada no xacemento e asumida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia acháronse restos de cerámicas de orixe romana.

O Concello organizou, en colaboración coa Comunidade de Montes San Isidro de Postmarcos, unha visita guiada para descubrir á veciñanza parte dos resultados.

As escavacións que se están realizando no Castro da Croa de Postmarcos deron os seus froitos. Así o indicou a directora da escavación, Lupe Castro (da empresa Tempos Arqueólogos), na visita guiada organizada polo Concello en colaboración coa Comunidade de Montes de San Isidro de Postmarcos. Estes labores permitiron confirmar o Castro da Croa estivo longamente ocupado e contou cunha estensa actividade. Tanto é así, que segundo os traballos de escavación, tanto os galaicos como os romanos deixaron a súa pegada no xacemento.

Como apunta a directora da escavación, os achados apuntan a que a zona onde se executaron os traballos tería unha ocupación pertencente á Segunda Idade de Ferro. Os seis sondeos feitos pola empresa serviron para localizar abundante material cerámico de orixe romana. Con todo, tal e como explicou a directora, ao non haber unha estrutura asociada a estes, non se pode determinar se houbo ou non ocupación do xacemento por parte dos romanos. Así mesmo, descubríronse os restos dunha casa con forma circular e, a priori, de grandes dimensións.

Antiga muralla

Estes labores permitiron confirmar, ademais, a existencia dunha antiga muralla de pedra na zona da croa duns 2 metros de ancho, un achado que reafirma a importancia e a potencia deste xacemento en termos defensivos.

O alcalde, José Carlos Vidal, que tomou parte na visita guiada, valorou os resultados da escavación “que nos permiten seguir afondando na historia deste xacemento, un dos máis importantes e singulares da comarca”. O rexedor agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia e o interese e implicación dos veciños e veciñas que participaron na actividade.

A escavación contou cun investimento de 18.000 euros asumidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

Publicacións Relacionadas