Gonzalo Castro entrega os Premios Picadillo 2025  durante a clausura do Galicia Fórum Gastronómico 

adminON
Lectura mínima de 5

A cidade acolleu un evento cunha asistencia aproximada de 25.000  visitantes durante as tres xornadas 

“Este evento é unha proba máis do excelso potencial turístico da nosa  cidade onde a gastronomía é un dos nosos maiores atractivos e proba  evidente da nosa cultura de vivir”, sinalou Castro 

Hoxe tivo lugar a clausura do Galicia Fórum  Gastronómico no recinto de ExpoCoruña, que contou con máis de 200 expositores e  superou os 25.000 asistentes durante as tres xornadas do evento. O concelleiro de Cultura  e Turismo, Gonzalo Castro, participou na entrega dos Premios Picadillo 2025. Castro  lembrou que a cita súmase a outros encontros gastronómicos organizados polo Goberno  de Inés Rey que tentan potenciar A Coruña como destino culinario de referencia nacional.  “Este evento é unha proba máis do excelso potencial turístico da nosa cidade onde a  gastronomía é un dos nosos maiores atractivos e proba evidente da nosa cultura de vivir”,  apuntou o responsable do Consorcio de Turismo da Coruña. 

Nesta ocasión na categoría de “cociña” o galardón recaeu en Celestina Martínez, do  restaurante O Parrulo (Ferrol), pola seu labor de preservación da cociña tradicional galega”.  Na categoría Sala, que “pon en valor o oficio de camareiro e de mestre de sala dos  restaurantes galegos”, o premiado foi Berto Domínguez, á fronte do mítico restaurante  D’Berto (O Grove). Na categoría Viño, que distingue “o labor de viticultores, enólogos e  sumilleres que co seu traballo e sabedoría situaron aos viños de Galicia entre os mellores  de España e de Europa”, o premio foi para Joaquín Álvarez “Quin”, do Rosal. En canto á  categoría Produtor, que recoñece a mulleres e homes con oficios relacionados co mar e a  terra que conseguiron crear produtos de prestixio para a gastronomía galega, outorgáronse  diferentes galardóns. Así, no caso de Mar, o recoñecemento recaeu en O Peirao –  Federación Galega de Redeiras Artesás (Malpica de Bergantiños), entidade que agrupa a sete asociacións de redeiras galegas co obxectivo de dignificar o oficio, mentres que no  apartado Rural o premiado será Jesús Simal Gándara, catedrático de Ciencias dos  Alimentos da Universidade de Vigo, polo seu labor en prol da recuperación do cultivo da  oliveira en Galicia.  

Tamén foron distinguidas como produtoras 8 panaderías históricas de Galicia: Panadería  Pallares (Sarria, Lugo, 1876); Panadería Germán (Fisterra, A Coruña, 1870); Panadería  Rabizas (Betanzos, A Coruña, s XVII); a centenaria Panadería Paleo (Ribadeo, Lugo);  Forno do Calviño (San Cristovo de Cea); Sieira Charlín (Ribeira, A Coruña, 1884);  Panadería Central (Buño, Malpica) e Panadería Caneda (A Pobra de Trives, Ourense), que  recibiron o Premio ás Panaderías Históricas de Galicia, co que o xurado recoñece o papel  que desempeñan preservando un oficio patrimonial e poñendo en valor o pan de Galicia.  

Finalmente, tamén houbo galardóns para as categorías de Formación, que este ano foi para  IES de Foz pola súa formación de baristas, e de Divulgación, pensado como  recoñecemento a persoas que coa súa obra contribúen á difusión da cociña e a  gastronomía galegas, e que nesta ocasión foi para La Alacena Roja, unha revista de  periocidad bimestral dedicada ao turismo e a gastronomía 

Milleiros de visitantes, profesionais e empresas do sector degustaron durante estes tres  últimos días a enorme potencia gastronómica da cidade. Unha cita que nesta, a súa décima  edición, volveu ser un evento imprescindible para profesionais da gastronomía e enoloxía,  reunindo chefs da máis alta categoría tanto a nivel nacional como internacional.  

Nesta última xornada ExpoCoruña acolleu o desafío XChef by Cervezas 1906 da man do  chef catalá Xavier Pellicer (Barcelona) e unha exhibición de François Monti, coñecido a nivel  mundial como unha dos máximos expertos en cócteles e destilados. 

O mestre nipón Kanji Kobayashi amosou as súas artes culinarias cos vexetais como  antesala da mestría de cociñeiros de renome mundial como Pepe Solla, Áxel Smyth,  Claudia Merchán, Javier Olleros e Ana Rodríquez.

Tamén houbo tempo para degustar as empanadas que participaron no II Concurso de  Empanadas Galicia Fórum Gastronómico.

Comparte este artigo