Goretti Sanmartín reclama que “todas as administracións movan os seus mecanismos e exerzan súas as competencias” para afrontar a crise da vivenda

Redacción

A alcaldesa de Santiago volve reclamarlle á Xunta que exerza as súas competencias de inspección para que a declaración de zona de mercado tensionado en Santiago sexa efectiva. Lembra que o prezo do alugueiro é o que máis tensiona o mercado da vivenda no concello de Santiago de Compostela.

Goretti Sanmartín reclama que “todas as administracións movan os seus mecanismos e exerzan súas as competencias” para afrontar a crise da vivenda

A rexedora compostelá comezou a súa comparecencia semanal amosando o apoio ás mobilizacións e á acampada reivindicativa no Obradoiro en defensa dos dereitos das persoas a ter unha vivenda digna. Neste sentido, sinalou que é necesario “un cambio de paradigma” para mellorar o acceso á vivenda e que “todas as administracións comecen a mover os seus mecanismos e a exercer as competencias que lles corresponden”.

No ámbito concreto de Santiago de Compostela volveu reiterar a reclamación á Xunta para que exerza as competencias que lle corresponden de inspección no relativo á zona de mercado residencial tensionado. Neste punto concreto, explicou que “o que máis tensiona o mercado da vivenda en Compostela é o prezo dos alugueiros e actuar sobre esa realidade é, directamente, mellorar as condicións de vida das persoas máis vulnerables”.

Goretti Sanmartín tamén sinalou que tras a declaración de ZMRT “en Compostela neste momento xa non son legais as subas abusivas do alugueiro” e que, grazas a esta medida, “en Santiago non cabe un caso Maricarmen”. Mais, como xa manifestou en anteriores ocasións, insistiu en que, para a completa efectividade da ZMRT, é imprescindible que a Xunta exerza as súas competencias de inspección. “Reiteraremos por todos os medios posibles que a Xunta de Galicia vixíe que os contratos de arrendamento se axusten á norma, no que toca ao prezo e no relativo tamén ao propio tipo de contrato, toda vez que os contratos temporais quedaron fóra dos topes de prezos por decisión do PSOE desde o Goberno do Estado” afirmou.

Doutra banda, tamén asegurou que se continuará coa reclamación para que os fondos específicos para actuar nas zonas tensionadas cheguen á veciñanza de Santiago a través do que recolle o Plan de medidas correctoras e co modelo de actuación que establece.

Tamén fixo un repaso das iniciativas que puxo en marcha o goberno municipal e cuxa filosofía concorda co plan de medidas correctoras, mencionando as seguintes:

A incorporación ao rexistro de soares e poxa pública dos edificios en ruínas para que se rehabiliten e se habiten.
O programa de adquisición e rehabilitación de inmobles na Cidade Histórica, con fondos propios e axudas externas, do Consorcio ou do Plan Horizonte, como as nove vivendas que haberá na Caramoniña e o resto das que se irán adquirindo mediante licitación.
As modificacións fiscais para gravar as vivendas baleiras de grandes posuidores e para bonificar as protexidas.
A mobilización de solo para que se constrúa vivenda protexida e a cesión gratuíta de parcelas á Xunta co mesmo fin.
O desenvolvemento da parcela do antigo Peleteiro multiplicando case por 4 a superficie para vivenda e garantindo que, cando menos, o 45% dela sexa protexida, e o acordo para que sexa impulsada desde a empresa pública estatal de xeito prioritario.
Os axustes normativos e do planeamento ou a súa vixilancia para frear e reverter a turistificación dos barrios

Comparte este artigo