A alcaldesa considera “estraño” que Augas de Galicia iniciase o expediente sancionador cando xa está en vías de solución o problema de fondo, isto é, durante a construción da nova EDAR para paliar a insuficiencia que a antiga depuradora viña arrastrando durante décadas.
A rexedora explicou que Augas de Galicia abriu o expediente sancionador a finais de setembro de 2025, xusto cando o problema de insuficiencia da antiga depuradora para tratar o volume de augas residuais que chegan a ela está en vías de solución coa nova EDAR.
Ademais, segundo se reflicte no expediente, o ente autonómico seguiu incrementando as inspeccións durante o proceso de entrada en funcionamento da nova EDAR, e cunha parte da vella depuradora desmantelada para cumprir co plan de obra, facendo un sumatorio de medicións ata converter a primeria proposta de sanción, cualificada como leve, nunha sanción cualificada como grave.
A este respecto, a rexedora asegura que non se entende que este intento de penalizar ao Concello, despois de décadas dunha deficiente depuración das augas residuais, chegue xusto cando precisamente se está poñendo en marcha a solución. “Sobre este expediente non é fácil obviar a lectura política” afirmou Goretti Sanmartín.
Ao tratarse dun vertido que se produce no contexto das obras de desmantelamento da antiga depuradora e da entrada en funcionamento da nova, Goretti Sanmartín considera que o lóxico sería que Augas de Galicia abordase calquera cuestión sobre este proxecto na comisión de seguimento, da que o propio ente autonómico forma parte xunto con ACUAES.
“Resulta ben rechamante vir descubrir agora que a auga do Sar non reúne as mellores condicións, cando ese foi un dos principais motivos para construír unha nova EDAR” remarcou, e lembrou que “este proxecto se atrasou moito máis do que debería pola paralización forzada por un goberno municipal do PP que quería levala a un espazo natural protexido”.
Expediente sancionador
O expediente sancionador foi aberto con base nunha medición da auga do Sar que a depuradora -a vella depuradora- non trataba convenientemente, nun momento en que unha parte dese equipamento, seguindo o plan de obra, estaba xa desmantelado.
O Concello formulou alegacións no trámite de audiencia que, obrigadamente, se ten que abrir antes de calquera resolución sancionadora. Mais despois dese trámite Augas de Galicia ampliou o expediente cunha serie de inspeccións que inclúen o período do vertido que se produciu na entrada en funcionamento da nova EDAR.
As alegacións presentadas non foron aceptadas e o expediente resolveuse propoñendo unha sanción, agravada agora con base en novas medicións a respecto das cales o Concello, ao que se fai responsable, nin tivo oportunidade de alegar nun novo trámite de audiencia que debería abrir Augas de Galicia.
A infracción inicial foi cualificada como leve e, despois das exhaustivas inspeccións posteriores, modificada a grave. A sanción, que podería ir de 30.001 a 300.000 €, proponse pola máxima contía, sen xustificación da proporcionalidade.
Augas de Galicia aprecia intencionalidade no incumprimento da autorización de vertido porque se eliminaron partes da antiga depuradora antes de rematar completamente a nova. Segundo di, isto é contrario á autorización de vertido outorgada en maio de 2021. Mais, é importante ter presente que as obras da EDAR, que está realizando ACUAES, están no marco dun convenio do que forma parte este organismo da Xunta de Galicia. Augas de Galicia coñece, polo tanto, perfectamente o proxecto e o seu desenvolvemento en todas as súas fases.
A resolución foi asinada o día 4 de febreiro e concede un prazo de 15 días para presentar alegacións.
Os servizos técnicos municipais comunicáronlle o expediente a ACUAES, actual responsable da explotación da EDAR, e á empresa prestadora do servizo de saneamento e abastecemento, concesionaria da depuradora ata o 1 de outubro, para que informen no que lles atinxa. O Concello xa presentou alegacións.



