HomeA CoruñaGran acollida do terceiro intercambio xeracional “Lecturas compartidas cos nosos maiores”, que...

Gran acollida do terceiro intercambio xeracional “Lecturas compartidas cos nosos maiores”, que reuniu a máis de medio cento de persoas no centro sociocomunitario de Frades

- Anuncio -spot_img

Nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria do CPI Ponte Carreira léronlles tres contos de Nadal aos seus maiores e participaron con eles nun obradoiro de adornos navideños

Un total de vinte nenos e nenas de 5º e 6º de Educación Primaria do CPI Ponte Carreira visitaron o centro sociocomunitario de Frades, onde deron lectura a tres contos de Nadal diante doutras tantas persoas maiores usuarias do centro. Trátase do proxecto “Lecturas compartidas cos nosos maiores”, posto en marcha polo CPI Ponte Carreira, a través do equipo de dinamización da lingua galega e da biblioteca do centro, en colaboración co Concello de Frades, e que este venres chegou á súa terceira edición.

O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, amosou a súa satisfacción por “ver a maiores e rapazada desfrutando xuntos. Sempre defendín este tipo de encontros interxeracionais, parécenme unha iniciativa do mellor que se pode facer e dende o Concello de Frades estaremos sempre a disposición do colexio e dos maiores para o que precisen”. E é que esta é a terceira ocasión na que se leva a cabo este programa, iniciado o pasado mes de marzo e cuxo éxito motivou unha segunda sesión para celebrar a fin do curso.

Contacontos

A actividade deu comezo pasadas as 11:00 horas, logo da chegada do alumnado camiñando dende o colexio. No centro sociocomunitario de Frades agardaba unha vintena de maiores, que viron como os pequenos daban lectura a tres contos ilustrados: “Soños de neve”, de Eric Carle; “O Reno de Nadal”, de Nicola Killen; e “El copo azul”, de Nayra Suárez.

Unha vez rematada a lectura, a rapazada repartiuse polas mesas do centro sociocomunitario para elaboraren canda os maiores distintos adornos de Nadal, todos eles cunha base común de paos de madeira decorados con teas, adhesivos, purpurina…Pese á variedade, todos os maiores levaron un para colgar na árbore de Nadal: unha figura de reno que levaba por cara unha fotografía da persoa maior que facía o adorno.

Publicacións Relacionadas