Son varios os tramos de estradas da Xunta de Galicia en Oleiros que se atopan nun lamentable estado de conservación por falta de mantemento da administración autonómica. O Concello leva anos reclamando estas reparacións, así como a necesidade de beirarrúas, de pasos de peóns ou a eliminación de perigosas cunetas.
Se ben é certo que a falta de conservación do pavimento das calzadas estase a ver agravado polas fortes precipitacións, os problemas son xa anteriores. Así é que algúns tramos atópanse practicamente intransitables, como a estrada que vai de Arillo a vía Ártabra, reclamada polo Concello hai máis de dous anos. Nun estado semellante atópanse zonas da estrada de Santa Cruz-Dorneda-Mera, ou mesmo a vía Ártabra, que ademais non conta con iluminación nas rotondas e enlaces de acceso tal e como obriga a normativa de tráfico.
A esta situación súmanse outros importantes perigos para a seguridade viaria, tamén denunciados polo Concello en innumerables ocasións. É o caso das cunetas entre O Cubo e Lorbé, unha trampa mortal para a condución que ademais están a deixar a calzada sen apoio por erosión da auga; a carencia de beirarrúas entre Coruxo e Os Regos (cun perigoso estreitamento da calzada), en Salvador Allende e desde a Igrexa de Serantes ata O Cubo; ou a necesidade de pasos de peóns en varias zonas de Dorneda e en San Pedro de Nós.
Esta incomprensible política de maltrato ao Concello de Oleiros, o 8º municipio de Galicia, contrasta con outras actuacións millonarias que se abordan por parte da Xunta en municipios gobernados polo Partido Popular. Estas políticas caciquís e partidistas amosan unha irresponsabilidade absoluta dado que se está a poñer en serio risco a seguridade e integridade física de milleiros de condutores e peóns.



