HomeA CoruñaIago Lestegás explica as iniciativas do Concello para favorecer a vivenda colaborativa...

Iago Lestegás explica as iniciativas do Concello para favorecer a vivenda colaborativa como ferramenta para garantir o acceso á vivenda

- Anuncio -spot_img

O concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, mantivo este venres unha xuntanza con membros de Alvariza Colaborativas Compostela, que ten intención de desenvolver un proxecto cooperativo interxeracional de vivenda en cesión de uso para 30 unidades de convivencia no SUNP-25 de Roxos.

Iago Lestegás explica as iniciativas do Concello para favorecer a vivenda colaborativa como ferramenta para garantir o acceso á vivenda
No modelo de vivenda cooperativa en cesión de uso, as persoas socias adquiren un dereito de uso sobre espazos privados e comúns a través da achega dun capital inicial reducido (que recuperan se abandonan a cooperativa) e do pagamento dunha cota mensual estable. Trátase dun modelo de acceso á vivenda moi estendido en varios países, dende Dinamarca ata o Uruguai. Segundo o concelleiro, “os modelos de política pública de vivenda máis avanzados do mundo buscan completar a oferta privada no mercado inmobiliario cun sector público e un sector social-comunitario fortes”.

No encontro, explicou as actuacións do Concello de Santiago para fomentar a intervención das cooperativas de vivenda en cesión de uso como fórmula para facilitar o acceso á vivenda. Unha das iniciativas do goberno local con este obxectivo é a introdución de bonificacións fiscais para este tipo de proxectos. Concretamente, en setembro aprobouse inicialmente a nova ordenanza fiscal do imposto de construcións, instalacións e obras (ICIO), que prevé bonificacións de ata o 95% para actuacións promovidas por cooperativas de vivenda en cesión de uso sen ánimo de lucro en determinados ámbitos da cidade, co obxectivo de favorecer tamén un modelo urbano compacto incentivando o remate de pezas urbanas inacabadas.

Segundo o concelleiro de Vivenda, “as cooperativas de vivenda en cesión de uso combinan a estabilidade da propiedade coa flexibilidade do alugueiro e son unha ferramenta útil para ampliar a oferta de vivenda a prezos accesibles e libre de especulación”.

Publicacións Relacionadas