O Concello de San Sadurniño abrirá o día 2 o prazo para apuntarse no concurso de máscaras que terá lugar no patio cuberto do CPI o 13 de febreiro
A Comisión de Festas de Igrexafeita estrea os carnavales este sábado cun cocido nocturno no local social de Espiñaredo
Aínda non pasamos o turrón e os polvoróns e xa nos vén aí o tempo das máscaras e dos cocidos. O Entroido cae este ano baixiño e por iso xa desde primeiros do mes de febreiro vai haber múltiples actividades arredor desta celebración con tanta raíz, nuns casos organizadas por entidades veciñais e noutras polo Concello. De feito, a área de Cultura xa ten preparado o programa festivo, encabezado na xornada do venres 13 de febreiro por unha proposta de tarde para a rapazada máis pequena e outra de noite para a mocidade e persoas adultas co tradicional concurso de máscaras individuais, grupos e comparsas.
A sesión infantil de tarde desenvolverase a partir das 17:00h na Casa da Cultura e está pensada para as nenas e nenos na compaña das súas familias. Terán obradoiros, inchables e a animación de La GuaGua, ademais dun desfile de disfraces. Para participar non fai falla inscrición.
Pola noite, a partir das 21:00h, a troula trasladarase ao patio cuberto do CPI de San Sadurniño, onde terá lugar unha nova edición do concurso de disfraces de Entroido para maiores de 13 anos.
Concederanse seis premios en forma de vales para consumo en restaurantes do concello: un por valor de 35€ para a categoría individual xuvenil (14-18 anos), outro de 35€ para o mellor traxe individual adulto e 30€ para o segundo.
En grupos tamén se entregarán dous vales, o primeiro de 120€ e o segundo de 110€. Por último, o apartado de comparsas reserva un único vale para un restaurante por importe de 300€.
As inscricións para o concurso -a través da sede electrónica, do correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou presencialmente na Casa da Cultura- estarán abertas desde o día 2 ata o día 13 de febreiro ás 14:30h, aínda que tamén haberá posibilidade de apuntarse na propia festa ata as 21:15h. As bases están dispoñibles nesta ligazón, mentres que a folla de inscrición que se deberá presentar pode descargarse desde aquí.
A festa de Entroido -recordamos, venres 13 de febreiro, 21:00h no patio cuberto do CPI– estará animada polo picadiscos DJ Sebas, polo grupo The five band e, por suposto, por todas as máscaras que se animen a vir por San Sadurniño.
A Comisión de Festas de Igrexafeita estrea o Entroido este sábado
Malia que as datas centrais do carnaval cadran a mediados de febreiro, este sábado 31 -aínda xaneiro- teremos xa a primeira cita entroideira organizada pola Comisión de Festas do Biscordel 2026. Os funcionarios deste ano -así se lles chama nesta zona aos ramistas- armaron unha festa que xuntará máscaras e boa mesa cun gorentoso cocido. Por razóns de espazo e das previsións meteorolóxicas a celebración terá lugar no local social de Espiñaredo e non na pista polideportiva da Torre como viña sendo habitual.
A xente poderá ir achegándose a partir das 18:00h xa que haberá un concurso de disfraces para a cativería animado con música -os premios entréganse ás 20:00h-. Ás 21:30h servirase a cea: sopa de cocido, cocido, bebida, sobremesa -orellas, freixós, etc.-, café e un chupiño. O prezo son 30€ as persoas adultas, 15€ a rapazada de 7 a 12 anos e de balde para as crianzas menores de 7.
Aínda que o último día para anotarse foi o domingo, pódese probar sorte a ver se aínda lles queda algún sitio libre, chamando para iso aos teléfonos 669 915 518, 603 419 473 ou 623 002 011.
Durante a noite tamén haberá música ao vivo, sorteos e un concurso de máscaras para persoas adultas (00:30h).



