“A prioridade do Concello da Coruña é a saúde pública, pero a adopción de novas medidas é unha responsabilidade da Xunta de Galicia”, destacou a alcaldesa
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, manifestou que apoiará “medidas que reduzan a presión hospitalaria” na área sanitaria da Coruña, debido á “grave situación que estamos vivindo”. Rey considerou que “as recomendacións non teñen tanto efecto como as medidas de cumprimento obrigatorio” e sinalou que as actuais medidas
“non están sendo suficientes” para frear esta terceira vaga de contaxios da Covid-19. “A
prioridade do Concello da Coruña é a saúde pública, pero a adopción de novas medidas é
unha responsabilidade da Xunta de Galicia”, destacou a alcaldesa.
A rexedora apelou á responsabilidade invdividual da veciñanza e a evitar calquera tipo de
interacción social estas semanas: “Se non nos queren escoitar a nós que atendan ás cifras de contaxios, de persoas ingresadas nos hospitais e de persoas nas unidades de coidados
intensivos… Son números que nos deben levar a unha reflexión”. Lembrou que a actual
presión hospitalaria tamén está prexudicando a pacentes ingresados con outras patoloxías.
A Policía Local da Coruña activou esta fin de semana un dispositivo especial para controlar
que se cumpran na cidade as medidas establecidas para combater a expansión do virus e
interpuxo desde o venres pola tarde 66 denuncias: 29 por non empregar máscara, 20 por
reunirse en grupos de máis de catro persoas non conviventes, 5 por realizar botellón, 5 por
fumar na vía pública ou en terrazas de locais de hostalaría sen respectar ou garantir a
distancia mínima de seguridade, 4 por non respectar o peche perimetral da cidade e 3
sancións a locais de hostalaría.