Home A Coruña Inés Rey presenta un orzamento de 379 millóns de euros, cun Plan...

Inés Rey presenta un orzamento de 379 millóns de euros, cun Plan de Barrios dotado con 53,7 millóns con investimentos en todos os distritos

- Anuncio -

A alcaldesa, Inés Rey, presentou hoxe as contas de cara a este exercicio, que se aprobarán mañá na Xunta de Goberno Local

O Concello prevé a creación dunha nova rede de Oficinas de Atención Cidadá, que se implantará progresivamente nos dez distritos censais “para axilizar as consultas e xestións da cidadanía nos seus propios barrios”

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá o proxecto de Orzamentos Municipais para este ano, contas que ascenden a 379 millóns de euros —catro máis que o ano pasado— e ás que dará luz verde mañá na Xunta de Goberno Local como paso previo ao seu debate no pleno de febreiro.
Na rolda de prensa deste xoves, Rey recalcou o carácter “expansivo e progresista” destes orzamentos, “concibidos para reforzar o crecemento da cidade e tamén as políticas de benestar social, con especial incidencia nos barrios, porque o noso obxectivo non só é que A Coruña avance, senón que isto teña un impacto directo en que as veciñas e veciños gañen máis calidade de vida con máis e mellores dotacións de servizos públicos. Son, indicou Rey, uns orzamentos especialmente centrados nos barrios, aos que chegarán os investimentos máis importantes.

A rexedora, acompañada esta mañá polas concelleiras e concelleiros do Goberno municipal, apuntou que os Orzamentos Municipais 2025 están configurados en torno a catro grandes eixos. En primeiro lugar, a dinamización económica da cidade, coa innovación tecnolóxica e o sector TIC “como puntas de lanza da Coruña como motor económico de Galicia”. Por outra banda, o reforzo das políticas de benestar social e a protección social, cunha atención especial ás persoas en idade avanzada. O Goberno de Inés Rey prevé, ademais, dar un novo pulo ás políticas de mobilidade sostible e á recuperación progresiva de espazos públicos para a cidadanía. “E, por último, impulsaremos políticas integrais de atención, proximidade e investimento nos barrios da cidade, quecontarán cun Plan de Barrios 2025-2028”, explicou a alcaldesa. Dito plan suporá un investimento total, ata abril do 2027, de 53,7 millóns de euros.

O Concello creará unha nova rede de Oficinas de Atención Cidadá

Un dos eixos principais sobre os que pivotan os Orzamentos Municipais 2025 son, precisamente, as políticas de atención aos barrios. A alcaldesa apuntou que o Concello traballará cunha planificación a catro anos vista, ata o 2028, atendendo ás necesidades específicas dos dez distritos censais da cidade.
Haberá unha medida destacada neste sentido: a creación dunha nova rede de Oficinas de Atención Cidadá que se porá en marcha este ano, por medio dun proceso de implantación gradual, estendéndose progresivamente a cada distrito. “Entendemos que é fundamental axilizar as consultas e xestións da cidadanía nos seus propios barrios, sen que sexa preciso desprazarse a María Pita, o Ágora ou o Fórum Metropolitano”.

Este ano, 71 millóns de euros en investimentos

A alcaldesa precisou esta mañá que, en base ás contas deste ano, o Concello contará con 71 millóns de euros para investimentos, que inclúen partidas destacadas como a que habilitará á redacción do proxecto de remodelación do estadio municipal de Riazor (1,5 millóns este ano), outros 3,8 millóns para o mercado de Santa Lucía e 4,9 para acondicionar as dependencias municipais nas antigas instalacións da Fábrica de Tabacos.

A isto sumaranse, ademais, partidas para a creación da nova biblioteca municipal de Novo Mesoiro (1,5 millóns) e outros 700.000 para a biblioteca e aula dixital de Palavea. Haberá fondos para apoiar aos centros públicos de titularidade municipal (900.000 euros), rehabilitar a Bágoa de San Roque (600.000 euros) e acometer a reforma da praza de Pontevedra para mellorar a súa iluminación e ampliar o parque infantil (450.000 euros).
A todas elas sumaranse as xa previstas en concepto de humanización e melloras dos espazos públicos, con 11,1 millóns, e as necesarias para construír novos equipamentos deportivos como as pistas multideporte dos Rosales —xa en marcha—, A Silva e Urbanización Breogán, entre outras.

Ademais, o Concello presentarase a novas convocatorias de fondos europeos para abordar o proxecto da Rolda dos Barrios, que estima un investimento de 1,5 millóns de euros para acometer a reurbanización da contorna da rolda de Outeiro.

A AESIA e o proxecto Coruña Marítima, bandeiras de acción no eido económico

Os orzamentos deste ano tamén permitirán ao Concello avanzar en iniciativas a medio e longo prazo nas que xa se está a traballar, ben co ente municipal como principal impulsor ou tamén a escala interadministrativa.

Entre as máis destacadas está o proxecto Coruña Marítima, ideado para promover a integración dos peiraos na paisaxe urbana da cidade, e que contará con 700.000 euros en tres anualidades para a elaboración do Máster Plan presentado en María Pita días atrás. A partida correspondente a este exercicio será de 50.000 euros. Serán outros 300.000 no 2026 e outros 350.000 no 2027.

A isto sumarase, proximamente, a posta en marcha das obras de remodelación dos Cantóns entre a praza de Mina e a sede da Autoridade Portuaria, actuación xa adxudicada e que comezará nos vindeiros meses, marcando así o punto de partida da apertura ao porto.

4 millóns para rehabilitar a Terraza, que será a sede definitiva da AESIA

Inés Rey tamén informou esta mañá de que as contas para este ano farán especial fincapé en investimentos asociados á innovación e o sector das TIC. Por este motivo, consignáronse 4 millóns de euros para acometer as obras de rehabilitación da Terraza, en Méndez Núñez, que acollerá a sede definitiva da AESIA. Entre medias, e como emprazamento transitorio ata a conclusión dos traballos, as e os profesionais da Axencia traballarán nas instalacións da Casa Veeduría, xa rehabilitada.
A alcaldesa indicou que, en paralelo a estas medidas, o Concello tamén promoverá iniciativas de dinamización do comercio local e de proximidade, apoiando ao tecido emprendedor coa nova ordenanza reguladora dos centros municipais de empresa. A isto sumarase a aposta polo reforzo da colaboración cos polígonos de Agrela e Pocomaco, “fontes de riqueza e creación de emprego”.

A vivenda, eixo fundamental en materia de benestar social

Na presentación dos Orzamentos Municipais 2025, Inés Rey incidiu en que a batería de medidas prevista en materia de benestar e protección social atenderá especialmente á cuestión da vivenda. “É o momento de actuar cunha visión de longo alcance para facer prevalecer un dereito constitucional que leva demasiado tempo esquecido”, avisou a alcaldesa.

A este respecto, Rey lembrou que nos vindeiros días arrincarán as obras de construción do novo edificio de vivendas municipais que estará emprazado en Xuxán, con medio cento de inmobles en réxime de aluguer social. “Ademais, xa estamos a traballar para convertir á EMVSA nunha auténtica empresa municipal de vivenda”, expuxo.
En paralelo, o Concello está a avanzar pola vía xurídica co obxectivo de aprobar, nas vindeiras semanas, a nova ordenanza reguladora das vivendas de uso turístico e a solicitude á Xunta da declaración de mercado tensionado, “medidas coas que agardamos axudar a equilibrar o mercado de aluguer na cidade e aliviar os prezos actuais”.

A alcaldesa explicou que a estratexia do Concello en materia de benestar social tamén prevé un reforzo dos servizos sociais “para atender ás persoas máis vulnerables, especialmente ás que están en idade máis avanzada ou en réxime de dependencia”.

Máis parques e áreas verdes como aposta pola sostibilidade na paisaxe urbana

O terceiro dos eixos que sustentan os Orzamentos Municipais de cara a este ano é o fomento da mobilidade sostible a aposta pola recuperación de espazos urbanos.

A alcaldesa precisou hoxe que, entre as medidas máis destacadas neste eido estará a creación de máis parques. “Son achegas que non só escoitamos nas reunións coas asociacións veciñais, senón que tamén forman parte das demandas das novas xeracións a través dos espazos municipais para a mocidade ou do Consello Local da Infancia”.

Por iso, entre este ano e o 2030, o Concello prevé levar a cabo un investimento de 1,5 millóns no Plan de Árbores Urbanas, que neste exercicio contará cunha partida específica de 600.000 euros. A isto sumarase, ademais, o millón de euros que permitirá impulsar actuacións como o parque de Monte Martelo e a segunda fase do bosque de Breogán. Haberá outro millón para a reforma integral do parque de Santa Margarida e outros 300.000 euros para mellorar o parque Europa.

A recuperación de espazos públicos inclúe a creación de parques infantís cubertos

Na presentación desta mañá, Inés Rey apuntou que o Concello avanzará este ano na recuperación e ampliación dos espazos públicos da cidade dando un novo pulo á Rolda Peonil, que chegará proximamente á Sagrada Familia, conectando así o barrio cos treitos xa humanizados na rúa Ramón Cabanillas.

A isto sumaranse novos equipamentos como máis parques infantís. O Goberno de Inés Rey levará a cabo un investimento de oito millóns de euros para mellorar as instalacións actuais, crear outros novos e construír dous parques infantís cubertos. O obxectivo, explicou a alcaldesa, “é que todas as familias teñan, como mínimo, un parque infantil a dez minutos da súa vivenda”.
Aposta por BiciCoruña e polo transporte público compartido

O impulso á sostibilidade neste 2025 tamén incluirá medidas en materia de mobilidade. Entre elas, a definición do novo mapa de liñas do transporte urbano, que abrirá camiño á licitación do novo contrato do servizo. O obxectivo, indicou a alcaldesa, é que os pregos estén listos este ano.
Ademais, impulsarase a segunda fase de expansión do servizo municipal BiciCoruña, que en 2024 bateu un novo récord de usos, 1,3 millóns, e no que se prevé acometer ao longo deste ano a nova quenda de ampliación do número de bases, das 49 actuais ás 85 previstas en total.

Relacionadas

Abegondo aproba por unanimidade os fondos do POS e a actualización do inventario

0
· Rexeitada a moción do BNG sobre a revisión do convenio do Deportivo ao lograr só o voto favorable do edil nacionalista O Concello de...

Secundino García solicítalle a Martina Aneiros actuacións “urxentes” no CPI de San Sadurniño

0
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá até San Sadurniño para visitar as obras financiadas nas dúas últimas anualidades...

O pleno aproba por unanimidade o POS+ 2025, o novo Plan de Igualdade e...

0
Tamén se elevou a definitiva a aprobación da modificación da ordenanza municipal reguladora da corta e transporte da madeira de tala. No primeiro Pleno ordinario...

O Concello de Ribeira entrega as becas a deportistas individuais para fomentar hábitos saudables...

0
O Concello de Ribeira fixo entrega hoxe das becas a deportistas individuais, unha iniciativa que busca promover hábitos de vida saudables, apoiar economicamente a...

Corte total de tráfico no tramo final da Avda. Santa Cristina por mor das...

0
Desde o día 30 de xaneiro e por un período de 2 meses, procederase ao corte total de tráfico do tramo final da Avda....

O Pleno aproba de maneira definitiva a modificación do planeamento urbanístico para preservar a...

0
O Pleno municipal acordou esta mañá cos votos favorables de BNG, CA e PSdG e a abstención do PP a aprobación definitiva da modificación...

Publicacións Relacionadas