A alcaldesa anunciará unha programación centrada na eclipse solar e no audiovisual
‘Coruña Vadis’, a nova curtametraxe turística do Concello, estrearase o martes
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentará na Feira Internacional de Turismo (Fitur) 2026 a nova estratexia turística da Coruña para este ano. A rexedora, acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, fará dúas exposicións públicas, unha na Casa del Lector, no centro cultural Matadero, o martes; e outra no stand de Galicia en IFEMA, xa no marco de Fitur.
A alcaldesa fará balance dos grandes fitos turísticos e culturais do último ano na cidade, moi positivos en canto a turismo musical, coa mellor marca histórica en canto a número de eventos no Coliseum. Ademais, en Matadero, acompañada por Lucía Veiga e Xosé A. Touriñán como mestres de cerimonias, dará a coñecer os piares da nova estratexia turística da cidade, centrada este ano no audiovisual e na eclipse de sol do 12 de agosto. A Coruña será a cidade europea na que mellor se poderá ver ese fenómeno. A cidade estase a preparar xa para esa xornada, organizando distintas actuacións mediante unha comisión de seguimento específico que implica a distintas áreas.
O acto do Matadero contará coa actuación especial do coruñés Carlos Ares, un dos artistas musicais máis destacados a nivel nacional, e unha selección de cociñeiros do grupo Coruña Cociña.
Ademais, o martes tamén se presentará ‘Coruña Vadis’, a nova curtametraxe turística do Concello dirixida por Javier Veiga que toma o relevo de ‘ Ao Oeste do Noroeste’. De novo,
Veiga e Xosé A. Touriñán protagonizarán esta peza audiovisual que amosará as fortalezas turísticas da cidade. A curta, que se estreará en redes sociais e YouTube o martes pola tarde, dá continuidade á creación do ano anterior, que tivo unha enorme repercusión nacional e internacional, superando as 250.000 reproduccións íntegras en apenas unhas horas e convirtíndose no vídeo máis visualizado na canle de YouTube do Concello.
Xa o mércores, a alcaldesa, exporá no stand de Galicia en IFEMA todos os detalles da programación cultural e turística deste 2026. A súa intervención será ás 12.30 horas e o acto será retransmitido en directo. “Temos unha das programacións máis ambiciosas e diferenciais do país, buscando potenciar as nosas fortalezas turísticas e aproveitando o fito da eclipse para ofrecer á cidadanía e ás persoas visitantes experiencias únicas”, sinalou Rey.



