O autor nixeriano participa esta noite no recital inaugural do ciclo, que se celebra no Centro Ágora xunto á poeta galega Lupe Gómez
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu esta mañá no Palacio Municipal de María Pita ao escritor Wole Soyinka, Premio Nobel de Literatura, nun encontro institucional con motivo da súa participación no ciclo poético Poetas Di(n)versos. Soyinka forma parte do cartel do recital inaugural da edición de 2026, que terá lugar esta noite no Centro Ágora, a partir das 20.00 horas, e no que tamén participa a poeta galega Lupe Gómez. O encontro reunirá na cidade dúas voces singulares da poesía contemporánea, unidas pola diversidade lingüística e a forza expresiva das súas obras.
Durante a recepción institucional, a rexedora deu a benvida oficial ao escritor nixeriano e puxo en valor a súa presenza na cidade: “Contar con Wole Soyinka na Coruña é unha honra e tamén unha oportunidade para reforzar o compromiso da nosa cidade coa cultura e coa liberdade de expresión”. Tamén subliñou a importancia do ciclo como espazo de diálogo intercultural: “Poetas Di(n)versos é un símbolo do que representa A Coruña: unha cidade aberta, plural e orgullosa da súa identidade”.
O ciclo, organizado polo Concello da Coruña, e dirixido pola Premio Nacional de Poesía Yolanda Castaño —quen tamén estivo presente na recepción— continúa a afianzarse como unha das principais citas poéticas do panorama galego e internacional.



