A alcaldesa agradece o compromiso educativo, cultural e solidario dun proxecto que reuniu a 640 participantes e permitiu recoller 650 kg de material escolar para a Escola Coruña en Senegal
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu esta mañá no Palacio Municipal de María Pita, xunto ao concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, ao equipo de coordinación, agrupacións musicais e artistas convidados que fixeron posible o espectáculo CHORUS 2026 – Concerto pola Paz, celebrado o pasado 11 de xaneiro no Coliseum ante 6.315 persoas.
Durante o encontro, a rexedora agradeceu persoalmente “a entrega, o traballo e a ilusión” das 640 persoas participantes, das cales 508 foron cantoras e 131 músicos, pertencentes a diferentes centros educativos, agrupacións corais e orquestras. “O que vivimos ese día foi moito máis ca un concerto: foi un exemplo de cidade e un símbolo dos valores que defendemos desde A Coruña”, destacou a alcaldesa.
CHORUS é un proxecto impulsado polo Concello da Coruña, que promove o canto coral como ferramenta de aprendizaxe, convivencia e expresión artística. Nesta primeira edición contou coa participación da Orquestra Sinfónica de Galicia, a Orquestra Xove, o Coro Xove da OSG, o Coro Infantil do Conservatorio Profesional da Coruña, o Coro MiniGaos, o Coro Gaos Novo e o Coro Gaos, entre outras agrupacións.
Sumáronse tamén artistas convidados de recoñecido prestixio como Rosa Cedrón, Carolina Rubirosa, Gandy, Carlos Tojeiro, Eva B e Tinho, que colaboraron de forma desinteresada e se subiron ao escenario xunto ao alumnado, á alcaldesa e ao concelleiro de Educación, no emocionante final coa interpretación de “We Are the World”.
Ademais do valor educativo e cultural, o concerto incorporou un compoñente solidario destacado. Grazas á colaboración cidadá, recolléronse arredor de 650 quilos de material escolar que se destinarán á Escola Coruña de Senegal, creada hai 24 anos con fondos municipais e xestionada pola ONG Ecodesenvolvemento Gaia.
A alcaldesa subliñou que “CHORUS foi a primeira vez, pero non será a última”, e agradeceu tamén o apoio das entidades patrocinadoras como Marineda City, Gadisa, Bonilla e Cabreiroá, así como o traballo das distintas áreas municipais implicadas.
O concerto pode verse na súa integridade a través da seguinte ligazón:
https://www.youtube.com/watch?v=G6x8aEdpxSg&list=RDG6x8aEdpxSg&start_radio=1



