A alcaldesa abriu o Foro Urbano celebrado no Centro Cívico de Os Mallos, onde veciños e veciñas puideron coñecer e achegar novos proxectos para os barrios de Os Mallos e Sagrada Familia
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou hoxe no Foro Urbano da Axenda Urbana 2030 que a nova Estación Intermodal é un claro exemplo da segunda modernización da Coruña. No evento, celebrado no Centro Cívico de Os Mallos, presentou os avances na Axenda Urbana así como proxectos en marcha para a contorna da Estación Intermodal, especialmente nos barrios lindeiros: “Estamos a falar dunha transformación que permitirá integrar mellor Os Mallos e Sagrada Familia coa nova realidade intermodal e co resto da cidade, xerando novas oportunidades para estes barrios”, sinalou Rey.
Durante o encontro, a rexedora puxo en valor a posta en marcha da primeira fase do Plan de Barrios 2025-2027, con 53 millóns de euros para investimentos en toda a cidade. Nese sentido, expuxo o proxecto “Conectando a Rolda dos Barrios” recollido no Plan, iniciativa coa que se prevé mobilizar investimentos por 20 millóns de euros: “Prevemos diferentes actuacións para mellorar a accesibilidade, a mobilidade e o atractivo urbano de Os Mallos e Sagrada Familia, promovendo a súa integración efectiva na cidade e garantindo que a chegada da intermodalidade non supoña unha barreira, senón unha oportunidade para os veciños e veciñas”, explicou a alcaldesa.
O Foro Urbano tamén serviu como espazo de revisión da Axenda Urbana 2030, permitindo actualizar as prioridades identificadas en 2022 para adaptalas ás novas oportunidades e necesidades da cidade: “A participación cidadá é clave para o modelo de cidade que estamos a construír. Queremos escoitar, debater e integrar as achegas da veciñanza porque A Coruña faise entre todos e todas”, concluíu a alcaldesa.
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, fixo un repaso polos proxectos en marcha e destacou que a Intermodal supón cambio de paradigma na planificación urbana da Coruña: “Non se trata só de construír infraestruturas, senón de garantir que teñan un impacto positivo e directo na vida das persoas”, afirmou.
Preto dun cento de persoas, representantes de entidades veciñais, sociais e empresariais, participaron no Foro Urbano que contou con dúas dinámicas participativas para a posta en común de propostas e inquedanzas, reforzando o compromiso do Concello coa participación cidadá como eixo fundamental da planificación urbana. “Non podemos falar dunha transformación real da cidade sen contar cos barrios e sen atender ás necesidades da veciñanza”, afirmou a alcaldesa.
Con esta iniciativa, A Coruña segue avanzando na súa transformación urbana, poñendo ás persoas no centro das políticas municipais e garantindo que o desenvolvemento da cidade sexa sostible, inclusivo e respectuoso coa identidade dos barrios.