• As actividades recollidas dentro do proxecto ‘Cariño Mariñeiro’ xa están en marcha.
O Concello de Cariño pon en marcha o proxecto «Cariño Mariñeiro», unha iniciativa centrada na posta en valor do patrimonio, a historia e a actividade mariñeira da vila a través da creación de dous percorridos polo territorio: un roteiro urbano e un roteiro litoral. Ambos os percorridos revivirán a historia pasada, presente e futura da actividade dedicada ao mar a través dun paseo por este prodixioso litoral. A arquitectura mariñeira, as profesións do mar ou a carpintería de ribeira son algunhas das temáticas para experimentar nestes roteiros.
Para a elaboración destes itinerarios será preciso un proceso de documentación previa no que se contará coa participación dos axentes do territorio: veciñanza, profesionais do mar, persoal do tecido asociativo, persoal vinculado ao turismo, persoal político, etc. Así mediante pequenas entrevistas poderá coñecerse mellor a realidade do territorio e a historia das súas xentes a partir das súas propias voces. Entre as persoas entrevistadas, estarán as protagonistas de dous pequenos vídeos que servirán de contido adicional para cada unha dos roteiros. Nestas pílulas audiovisuais os protagonistas falarán dalgúns dos espazos polos que transcorren os roteiros e a súa historia.
Ademais destes contidos, os roteiros contarán cun track completo no perfil de Wikiloc municipal no que se atopará toda a información sobre os puntos de visita e as características do roteiro, para que se poidan realizar de maneira autoguiado en calquera momento. A web de turismo municipal acollerá todos os contidos xerados para estes percorridos: os tracks en Wikiloc; audioguías sobre os puntos máis destacados en galego, español e inglés; os vídeotestimonios e fotografías dos enclaves máis destacados.
Todas estas accións forman parte da iniciativa “CARIÑO MARIÑEIRO. Definición, deseño e implementación de roteiros tematizadas para a promoción do patrimonio mariñeiro do Concello de Cariño”. Un proxecto impulsado polo Concello de Cariño e financiado polo GALP A Mariña Ortegal e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).



