Investigadores/as da Academia Joven de España achegan a ciencia ás aulas de Carballo

Redacción

Como podemos crear materiais que se moven e cambian de forma? Que nos contan as ferramentas de pedra sobre as sociedades prehistóricas? Como se investigan os efectos do cannabis no cerebro? Estas son algunhas das preguntas que chegarán esta semana ás aulas de Carballo da man de Daniel García González, Marta Sánchez de la Torre e Arnau Busquets-García, integrantes da Academia Joven de España.

As visitas forman parte do proxecto Talento quilómetro cero (TALK0), financiado pola Unión Europea, no marco do programa Researchers at schools, e buscan espertar a curiosidade, estimular vocacións científicas e ofrecer unha visión próxima e diversa da investigación a través do contacto directo coas persoas que a desenvolven.

Os encontros desenvolveranse mañá xoves e o venres 23 de outubro no IES Monte Neme, o IES Alfredo Brañas e o CPR Artai, con sesións dirixidas a alumnado de primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional.

Materiais que parecen cobrar vida

O programa comezará o xoves 22, ás 10.35 horas, no IES Monte Neme, onde Daniel García González se reunirá co alumnado do ciclo superior de Telecomunicacións.

Profesor da Universidade Carlos III de Madrid e responsable do laboratorio Multibiostructures, García González combina a enxeñaría de materiais, a robótica branda e a biomecánica para estudar procesos biolóxicos e desenvolver novas tecnoloxías.

Na charla ¿Y si los materiales cobraran vida? Materiales inteligentes para crear robots blandos y controlar nuestras células, explicará como se deseñan materiais capaces de moverse, cambiar de forma e responder a estímulos como os campos magnéticos. O alumnado descubrirá as súas posibilidades para crear robots flexibles, estudar o comportamento das células e abrir novas vías de investigación en medicina e tecnoloxía.

Reconstruír o pasado a través da arqueoloxía

O venres 23, Marta Sánchez de la Torre ofrecerá tres sesións sobre a investigación arqueolóxica e as ferramentas que permiten reconstruír o pasado. A primeira será no IES Alfredo Brañas, de 9.20 a 10.10 horas, para alumnado da ESO. Despois trasladarase ao CPR Artai, onde se reunirá, a partir das 10.30 horas, con escolares de terceiro a sexto de primaria, noutras dúas sesións.

Profesora agregada de Prehistoria da Universitat de Barcelona, a investigadora estuda a mobilidade das sociedades prehistóricas mediante a análise dos materiais líticos: as pedras empregadas para fabricar ferramentas poden proporcionar pistas sobre os desprazamentos e as relacións entre aquelas comunidades. A súa traxectoria foi recoñecida no ano 2025 co Premio Nacional de Investigación para Mozos María Moliner en Humanidades.

Coñecer como funciona o cerebro

Tamén o venres, o IES Alfredo Brañas recibirá a Arnau Busquets-García, de 10.10 a 11.00 horas, nun encontro co alumnado de ESO, bacharelato e do ciclo superior de Comercio Internacional.

O investigador dirixe o grupo de Mecanismos celulares na conduta fisiolóxica e patolóxica do Hospital del Mar Research Institute, en Barcelona, e está especializado no estudo de como o cannabis e o sistema endocannabinoide modulan as funcións cerebrais. Na súa intervención abordará os efectos do cannabis no cerebro e explicará como se empregan modelos animais para investigalos.

Deste xeito, o proxecto TALK0 continúa achegando a investigación á comunidade educativa de Carballo. As catro sesións achegarán ás aulas unha visión diversa da ciencia, co contacto directo coas persoas que fan posible estes avances.

Comparte este artigo