O alcalde, Daniel Pérez, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, presentaron o proxecto de orzamentos para o ano 2026 un día despois de expoñer os números na primeira das dúas comisións informativas específicas que, como é habitual no Concello de Carballo, se celebran antes do pleno. A corporación municipal reunirase o luns 29, ás 20.30 horas, na última sesión do ano.
Carballo terá o próximo ano o orzamento máis alto da historia: 37.673.150 euros. Un incremento do 11,12% con respecto ao ano 2025 que obedece na súa maior parte á consecución de 6.547.727 euros dos fondos europeos EDIL, cos que se financiarán proxectos valorados en 10,9 millóns de euros entre os anos 2026 e 2029. O Concello de Carballo terá que achegar o 40% dese investimento total, e por iso no orzamento deste ano figura unha operación de crédito “razoable e ben medida”, como a definiu o alcalde, por importe de 889.318 euros.
Daniel Pérez salientou, así mesmo, a suma de investimentos e prestación de servizos supón o 63% do orzamento. Estes dous capítulos de gasto marcan, dixo, “a liña estratéxica do goberno municipal de Carballo, no que apostamos pola mellora e o reforzo continuo dos servizos públicos e por manter un ritmo de investimentos que permitan seguir mellorando o noso concello coa máxima de que Carballo sexa un bo lugar para vivir”.
Os investimentos sumarán o próximo ano 6.390.540,73 euros, unha previsión que se verá incrementada ao longo do exercicio grazas ao remanente de tesourería. No anexo de investimentos figuran máis se sesenta conceptos diferentes, se ben as partidas máis cuantiosas son as destinadas á rede de abastecemento de auga e saneamento nos lugares da Grela e O Monte, con 571.815,64 euros; a humanización da avenida de Fisterra, en convenio coa Xunta, por 510.660,98 euros; a reurbanización das rúas Cervantes, parte da Gran Vía, Túnel, Cesteiros e Praza do Concello, que suman case un millón de euros, e forman parte dos proxectos financiados cos fondos EDIL; a Praza de Vigo, por 337.500 euros, ou a rede de abastecemento de auga desde O Almacén ata Vilar de Francos, en Artes, por 299.587,46 euros.
Os fondos europeos tamén permitirán iniciar outras actuacións, como a reforma da primeira planta do mercado municipal, que ten un orzamento de 332.750 euros, e que forma en parte dun plan de modernización e dinamización do espazo que conta cun orzamento global de 412.750 euros.
O alcalde destacou, así mesmo, os investimentos en instalacións deportivas: 137.615,84 euros para a primeira fase da cidade deportiva, 155.000 para a reforma da pista de atletismo do Chorís, 70.000 para a iluminación do campo de fútbol do Carral, 60.000 para equipamento deportivo ou 45.000 para a reforma da pista polideportiva da Praza da Milagrosa. E tamén se referiu a outras áreas estratéxicas, como a promoción empresarial, con novos investimentos no polígono de Bértoa por valor de 60.000 euros; a cultura, con partidas que abranguen desde a reforma do Pazo da Cultura ata a instalación de redes wifi gratuítas nos centros sociais; a posta en valor das zonas verdes e dos espazos naturais, con propostas con a segunda fase da renovación das pontes de madeira no paseo do Anllóns, por 125.000 euros; a creación dunha nova zona verde no Rego da Balsa e a renaturalización dese ámbito, por 486.500, ou a mellora dos parques infantís, por 150.000.
Sen saír do capítulo de investimentos, Daniel Pérez destacou o incremento da partida destinada ao mantemento de vías no rural, un 69,49% máis ca este ano, ata acadar os 300.000 euros, sen contar a pavimentación de accesos a vivendas ou o plan de camiños financiado con fondos Agader. No ámbito urbano continuarase coa mellora da accesibilidade e a construción de beirarrúas provisionais en distintos ámbitos pendentes de urbanización.
Pero se o capítulo 6 aumenta en máis de 3,3 millóns con respecto ao exercicio actual, tamén hai unha suba moi destacada nos servizos, por unha parte polo incremento dos custes e, por outra, pola política de mellora continua para poder ofrecer cada vez uns servizos públicos de maior calidade á cidadanía. Neste sentido, Belén Lendoiro destacou o aumento do 52% na limpeza de praias para poder realizala cada vez máis de xeito manual, ou o 23,33% de suba da partida para lacería e canceira co obxectivo de poder empezar a traballar coas colonias felinas.
Cultura, deportes, promoción económica, educación… áreas estratéxicas para o goberno municipal, acaparan o 27,21% do orzamento, pero tanto o alcalde como a concelleira destacaron o reforzo no gasto social, con máis de seis millóns de euros, para cubrir as necesidades da poboación. Dous millóns van destinados ao servizo de axuda no fogar, que vai en aumento cada ano. “Os concellos _dixo o alcalde_ temos que compensar as carencias de financiamento do Estado e da Xunta. Non é un problema exclusivo de Carballo, senón de todos os concellos, e esixe unha solución máis pronto ca tarde, porque a este ritmo o sistema pode chegar a colapsar”.
A única factura que baixará o ano que vén é a da luz. Despois de dous anos de subas constantes, no 2026 o Concello de Carballo pagará 1,2 millóns menos por este concepto.
En materia de persoal, o Concello de Carballo xa incorpora no orzamento a recente suba dos salarios dos traballadores públicos aprobada polo Goberno do Estado, o que supón un aumento de 500.000 euros no capítulo 1 de gastos.
“Estes orzamentos poñen de manifesto a fortaleza do Concello de Carballo, a estabilidade e unha ampla marxe para manter a carga impositiva”, apuntou Belén Lendoiro. Neste sentido, a concelleira de Facenda destacou que no 2026 non se modificará ningunha taxa nin ningún imposto.



