O acto desenvolverase ás 20.00 horas, no Centro Cultural Lustres Rivas
O público ribeirense poderá coñecer máis sobre a obra O lado nobre, da xornalista Irene Lourido, que resultou premiada no X Certame de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira. A presentación desenvolverase no mércores, 10 de xuño, ás 20.00 horas, no Centro Cultural Lustres Rivas.
O acto contará coa participación da alcaldesa, María Sampedro; o director da editorial Xerais, Fran Alonso; e a propia autora.
Farase entrega de cadanseu exemplar de balde entre as persoas asistentes, que poderán ser asinados pola escritora.
Neste acto tamén se rubricará o convenio de colaboración para a décimo primeira edición, 2026-2028, entre Xerais e o Concello de Ribeira.
Sinopse do libro
Cando o pai da protagonista de O lado nobre ingresa no hospital cunha enfermidade autoinmune, dá comezo unha estadía que se prolongará durante meses de incerteza, complicacións e loita pola supervivencia. Nesa situación, a familia constrúe un refuxio de amor, complicidade e tamén moito humor para afrontar ese episodio das súas vidas.
Irene Lourido tece nesta novela un relato persoal e conmovedor, unha crónica íntima sobre os coidados, a dependencia e a fraxilidade da vida. Cun estilo directo e emotivo, os textos máis introspectivos vanse fundindo con anécdotas de momentos vitais, nun exercicio de memoria e noutro de proxección ante a necesidade de atopar beleza e dignidade nos momentos máis difíciles.
Este libro é un testemuño valente sobre a enfermidade, pero tamén unha celebración da resistencia humana e da tenra relación entre unha filla e o seu pai, que convida a unha xornada de portas abertas á intimidade que eles dous construíron ao longo dos anos.

