- A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, felicitou á artista por un “magnífico traballo, no que se mestura a sensibilidade, a beleza e unha técnica moi coidada.”
A Casa da Cultura Raquel Fernández Soler acolle desde hoxe, xoves 3 de xullo, unha nova exposición que leva a firma da artista coruñesa Julia Rodríguez. A instalación viviu hoxe a inauguración da mostra, na que tomou parte a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e a propia autora. Durante a súa intervención, a edil felicitou a Rodríguez por un “magnífico traballo, no que se mestura a sensibilidade, a beleza e unha técnica moi coidada”.
Entre as pezas da colección de Rodríguez, o público poderá ver algunhas feitas con follas de parra en representación das catro estacións e outras con calas, orquídeas e hortensias, por exemplo.
En canto ao proceso de elaboración de cada obra, Julia parte da recolección de flores e follas que, a continuación, prensa e deixa secar. Como último paso, a autora emprega cola e un soporte para chegar ao resultado final.
As persoas interesadas poderán visitar e coñecer o labor de Julia Rodríguez ata o mércores, 30 de xullo, no horario de atención ao público da Casa da Cultura.