HomeA CoruñaLaxe avanza na mellora do saneamento e abastecemento con máis de 97.000...

Laxe avanza na mellora do saneamento e abastecemento con máis de 97.000 euros de investimento en colaboración con Augas de Galicia

- Anuncio -spot_img

O Concello é un dos tres de toda Galicia seleccionado para o estudo de alternativas de saneamento dentro do Plan Xeral de Augas de Galicia

O alcalde de Laxe, Paco Charlín, mantivo unha reunión de traballo co director de Augas de Galicia para analizar o avance das actuacións que se están a desenvolver no municipio en materia de saneamento e abastecemento.

Entre os principais proxectos destacan:

  • mellora das redes de saneamento e pluviais nas rúas Real e As Rías, cun investimento total de 62.923,94 € (IVE incluído), dos cales 54.450,00 € son achegados por Augas de Galicia e o resto, 8.473,94 €, financiado directamente polo Concello de Laxe.
  • mellora da rede de abastecemento en Peñáscales, cun investimento total de 29.954,47 € (IVE incluído), subvencionado integramente por Augas de Galicia.

En total, as actuacións supoñen 84.404,47 € de achega autonómica e unha aportación municipal de 8.473,94 €, o que eleva o investimento global a 92.878,41 € (IVE incluído).

Durante o encontro tamén se abordou o estado do proxecto da nova depuradora de Traba, unha infraestrutura clave para o futuro ambiental, sanitario e turístico de Laxe. O anteproxecto está xa revisado e en tramitación ambiental, tras incorporar as modificacións solicitadas polos técnicos de Augas de Galicia.

Así mesmo, confirmouse que Laxe é un dos tres concellos seleccionados en toda Galicia para participar no estudo de alternativas de saneamento dentro do Plan Xeral de Augas de Galicia, un recoñecemento que pon en valor a xestión e a planificación do goberno local neste eido.

O alcalde, Paco Charlín, destacou que “estas actuacións forman parte dun plan integral para modernizar as infraestruturas de Laxe e garantir servizos de calidade para todas as veciñas e veciños. Seguimos traballando con responsabilidade e compromiso para situar a Laxe como un exemplo de xestión eficiente e sostible”.

Con estes investimentos, o goberno local reafirma o seu compromiso cun Laxe moderno, eficiente e ambientalmente responsable, que aposta polo futuro a través da planificación e a cooperación institucional.

Publicacións Relacionadas