A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade fixo axustes nas liñas que trasladan aos estudantes ao instituto a Pontedeume.
O Concello de Miño recibiu o visto e prace da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ás peticións que fixera para adaptar as liñas de transporte público ás necesidades dos nenos e nenas do municipio que van ao instituto a Pontedeume.
O Servizo de Mobilidade comunica que xa se fixeron unha serie de axustes nas liñas para dar resposta ás necesidades trasladadas polo Concello e lamenta as molestias causadas ata o momento.
No que respecta a os servizos para os estudantes de San Xoán de Vilanova, a liña Pontedeume-Monfero conta no seu percorrido con paradas na estrada DP-4802, tal e como pedía o Concello de Miño.
Para o servizo da tarde dos martes, o expediente aprobado esta semana engade na liña Pontedeume-Monfero unha expedición con saída ás 18:10 horas e creou un novo roteiro, Pontedeume- Andel, que permite que ese día o alumnado que volve a Miño a comer a casa teña transporte público para volver ao instituto.
Por último, os estudantes que viven na contorna da N-651 e que usan a liña Miño-Pontedeume dispoñen para a volta ao mediodía da liña Coruña E.A. – Ferrol E.A. (por Polígono e Pedrido).
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, valorou “a áxil resposta da Consellería” e agradeceu “que se atendesen unhas demandas que considerabamos totalmente lóxicas e necesarias para facilitar o transporte do alumnado e a conciliación das familias”.