O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reuniuse esta mañá en San Caetano co alcalde do municipio coruñés de Vilarmaior, Carlos Vázquez, para avanzar en diferentes canles de colaboración vencelladas co seu departamento, con especial atención a aquelas dirixidas ao fomento do galego e de dinamización e programación cultural de interese para este concello.
Precisamente, o representante de Cultura do Goberno galego centrou este encontro co rexedor coruñés en amosar o seu interese en facer partícipe a este concello, como ao resto de administracións locais da Comunidade, na folla de ruta de impulsar un maior uso e prestixio do noso idioma, ao abeiro do Pacto da Lingua. De igual xeito, tamén abordaron vías de cooperación en materia de programación cultural, dentro da estratexia da Consellería de dinamización da cultura no rural, a través da Rede Adival.