HomeA CoruñaLousame é un clamor: #EuConZernadas, o precursor do galeguismo

Lousame é un clamor: #EuConZernadas, o precursor do galeguismo

- Anuncio -spot_img

O alcalde, Esteban Ares, destacou que “Zernadas non é pasado, é a orixe, porque en pleno século XVIII defendía a Galicia, defendía o galego e defendía a nosa identidade. Pensaba en Galicia cando Galicia aínda estaba por pensar”

Rivas Troitiño agasallou á veciñanza de Fruíme cos sete tomos orixinais das obras completas de Diego Antonio Zernadas de Castro, mentres que Xulio Pardo de Neyra situouno como “un dos pais do galeguismo” e quen “incorporou as letras galegas á lírica do barroco europeo”.

“#EuConZernadas”. Esta foi a frase máis repetida esta mañá na Casa da Cultura Santeiros de Chave de Lousame durante a presentación oficial da campaña “Zernadas de Castro’27”, coa que o Concello lousamiá busca promover ante a Real Academia Galega a candidatura do cura de Fruime como homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2027, coincidindo co 250 aniversario da morte do “precursor do galeguismo”, como tamén coincidiron todas as persoas que tomaron parte no acto celebrado este mediodía.

O alcalde de Lousame, Esteban Ares, destacou que Zernadas de Castro “non é pasado, é a orixe. Porque en pleno século XVIII, nos séculos escuros, el defendía a Galicia, defendía o galego e defendía a nosa identidade. Era unha actitude heróica, porque pensaba en Galicia cando Galicia aínda estaba por pensar. E iso é algo que non podemos esquecer. Hai nomes na historia que son recoñecidos e outros que seguen agardando ese recoñecemento. Zernadas é un deles, é un dos que agarda que Galicia mire cara el e que a Real Academia Galega lle dea o recoñecemento que merece. Estamos falando do precursor do galeguismo, con letras maiúsculas. Outros viñeron despois del e fixeron un traballo memoriable pero antes de todos estivo el e iso ten que ter un lugar na historia”.

Por iso, asegurou que “o que hoxe vimos a propoñer aquí, con toda a serenidade institucional e con toda a convicción, é que é hora de que a Real Academia Galega xire a súa vista cara este ilustre persoeiro, ao precursor do galeguismo. E o facemos cunha gran honra e unión política, veciñal e de traballo. Imos todos unidos co mesmo obxectivo e iso nos da a forza de saber que non estamos propoñendo un capricho local, senón unha obriga histórica que a RAG debe recoñecer”. Así mesmo, apuntou que “no 2027 celebraremos o 250 aniversario do seu pasamento e ese é o contexto ideal para recoñecer os 250 anos de galeguismo, porque iso é o que significaba Diego Antonio Zernadas de Castro”.

Doazón da obra de Zernadas

O xornalista e escritor Xosé Manuel Rivas Troitiño fixo doazón dos “sete tomos orixinais das obras completas de Diego Antonio Zernadas de Castro, cura de Fruíme, aos veciños e veciñas de Fruíme, representados polo Concello de Lousame, para que poidan ler, desfrutar e agradecer a quen tanto loitou con palabras para defender a Galicia e aos galegos en tempos duros e escuros. Agradecido aos veciños porque mantiveron vivo o seu legado e fama. Por favor, seguide mantendo vivo a obra de Zernadas”.

Pola súa banda, Xulio Pardo de Neyra explicou que “o cura de Fruime foi unha figura de excepción” xa que “incorporou as letras galegas ao roteiro da lírica do barroco europeo. Aínda que non fora Quevedo ou Shakespeare, o seu valor é innegable e o seu manexo dos conceptos naquel momento ultravangardistas, desa lírica aceda e cáustica, socialmente involucrada é algo que denota que a Galicia dos séculos escuros tiña moito máis de séculos que de escuros, a pesar de que houbo unha persecución inmensa, algo que denuncia o propio Zernadas. Por iso é un dos pais dese galeguismo tan necesario”. Ademais, puxo en valor o seu papel como precursor do xornalismo en Galicia.

Agasallos

Durante o acto proxectouse o vídeo promocional da candidatura de Zernadas de Castro, guionizado e montado polo realizador noiés Luís Avilés, e con música de Xoán Curiel e Iris Gey López, quen interpretou tres poemas musicalizados do cura de Fruíme, un deles de estrea exclusiva para esta sesión: “Meu Carballo, tú estás cego”, baseado nun poema de Zernadas sobre a pretensión dun capitán portugués de mercar un boi galego que o corneara en Noia como acto de vinganza para matalo.

Ademais de sumarse á campaña #EuConZernadas, e antes de interpretar unha cantiga baseada nas “Décimas á Marquesa de Camarasa”, Gey López destacou que “nesta peza ides ver a defensa que Zernadas fixo da lingua nun período onde era extremadamente difícil. Eu son profesora de literatura aló no Barco e o seu nome aparece no temario dos séculos escurecidos, que non escuros porque obras literarias houbo. Sempre se fala de Xoán Manuel Pintos ou Añón, pero houbo persoas antes como Zernadas que facilitaron ese camiño para eles e para os posteriores Rosalía, Curros, Pondal… Creo que moitas desas figuras recibiron xa o seu recoñecemento e agora falta Zernadas de Castro e creo que foi moi valente facer estas composición nunha época na que no resto da península estaba de moda meterse co galego”.

O alcalde de Lousame entregoulles a Xulio Pardo de Neyra e Xosé Manuel Rivas Troitiño sendos debuxos de Zernadas de Castro elaborados por Alfonso Costa, fillo adoptivo de Lousame. O acto rematou con todos os presentes sumándose á campaña #EuConLousame, posta en marcha polo Concello nas redes sociais para sumar apoios á candidatura do cura de Fruíme ao Día das Letras Galegas. Un apoio ao que xa se sumaron distintas personalidades da política, da cultura e da vida social lousamiá nestes últimos días.

A corporación de Lousame estivo arroupada por representantes dos tres grupos políticos municipais como os deputados autonómicos Aitor Bouza e Patricia Iglesias (PSOE), os deputados provinciais Evaristo Ben e José Manuel Caamaño López (PP), a deputada provincial Sol Agra (BNG) e o xefe territorial de Educación, Santiago Freire, ademais de concelleiros dos municipios da contorna. Así mesmo, tamén asistiron numerosos integrantes da asociación de veciños Cernadas de Castro de Lousame, encabezados polas integrantes da xunta directiva María Regenjo e Flor Romero.

Publicacións Relacionadas