HomeA CoruñaLousame recibe a visita dun centro de información á muller (CIM) móbil

Lousame recibe a visita dun centro de información á muller (CIM) móbil

- Anuncio -spot_img

A concelleira de Igualdade de Lousame, Silvia Agrafojo, estivo esta mañá comprobando o funcionamento dun dos centros de información á muller (CIM) móbiles que a Xunta puxo en marcha este ano para reforzar a sensibilización en materia de xénero e igualdade nas zonas rurais. Unha iniciativa que permite prestar información, asesoramento, atención, orientación e acompañamento psicolóxico, social e xurídico en materia de violencia contra a muller naqueles concellos que actualmente carecen dun Centro de Atención á Muller e de forma ambulatoria.

Agrafojo explica que “agora o seguinte paso é que o persoal dos Servizos Sociais do Concello de Lousame se poña en contacto co persoal deste CIM móbil, composto por unha psicóloga e unha traballadora social, para comunicarlles calquera caso de maltrato para que dende o CIM Móbil se poñan en contacto coas posibles vítimas e facer posteriormente unha reunión con elas nun espazo habilitado polo concello”.

A maiores, a concelleira lembra que estes recursos “están abertos a toda a cidadanía e á disposición daquelas persoas que queiran seguir aprendendo máis sobre a igualdade ou comprender aspectos relacionados co machismo ou os roles de xénero”. Isto é así porque estes espazos itinerantes ofrecen asesoramento xurídico, atención psicolóxica e orientación social ás mulleres vítimas de calquera forma de violencia de xénero, e, de ser o caso, tamén aos seus fillos e fillas ou a calquera persoa, menor de idade ou maior, dependente da vítima. Ademais, brindan información sobre os recursos dispoñibles na contorna local, a nivel comarcal, provincial ou autonómico e organizan actuacións de dinamización para a sensibilización e prevención da violencia de xénero, entre outros servizos.

Publicacións Relacionadas