A nova ordenanza, que se levará proximamente ao Pleno para sometela á súa aprobación inicial, contempla exencións e, no caso dos cruceiros, a súa aplicación a partir do ano que vén si a Xunta non cambia a normativa
Ademais, a Xunta de Goberno Local validou o proxecto da nova ordenanza de uso das praias, que contempla a prohibición de altofalantes para evitar molestias ás persoas usuarias
O Concello levará proximamente ao Pleno a ordenanza fiscal que regula a taxa municipal sobre o imposto autonómico sobre as estadías turísticas, a coñecida como taxa turística, unha iniciativa concibida para axudar a facer fronte ao aumento dos custes na prestación de servizos públicos, derivados, en parte, do maior número de viaxeiros e estadías turísticas que se veñen contabilizando na cidade nos últimos anos.
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe dos primeiros pasos para adoptar esta medida, contextualizando o porqué: “Falamos dunha cuestión de equilibrio. O turismo é unha fonte de ingresos para a cidade e, á vez, para facer fronte á demanda existente é fundamental reforzar os nosos servizos públicos. Non falamos de gravar o turismo, senón de ser responsables ante unha realidade. É posible disfrutar da cidade e, á vez, ser conscientes de que contar con servizos públicos é posible porque os pagamos entre todas e todos”.
O ano pasado, A Coruña estivo ás portas de rebasar o millón de turistas no conxunto do 2024. En 2022, por poñer un exemplo, foron 750.000. Inés Rey apuntou que “isto amosa unha tendencia á alza á que, ademais, se suma un impacto territorial moi específico en algúns barrios da cidade”.
A taxa, de 1 a 2,5 € en función do aloxamento, con exencións previstas
A taxa municipal que se aplicaría sobre o imposto autonómico oscila en función do tipo de aloxamento e a súa categoría. O marco normativo que prevé aplicar o Concello estima tarifas de 2,5 € en hoteis de 5 estrelas ou 4 estrelas superior; de 2 € en VUT, hoteis de 4 estrelas, 3 superior, 3 e 2 superior; de 1,5 € a embarcacións de cruceiro, VUT, hoteis de 2 estrelas, 1 superior e 1 estrela; e 1 € no caso de vivendas turísticas.
No caso dos cruceiros que fagan escala na Coruña, a recarga aplicaríase a partir do ano 2026. “Se se cambiase a normativa autonómica estudiaríase a non aplicación desta recarga aos cruceiros, que, en todo caso, non se aplicará neste ano 2025”, matizou a alcaldesa.
Ademais, na ordenanza tamén se estipulan exencións á taxa, como as estadías por motivos de saúde, ás e aos deportistas federados por competición oficial, ás persoas menores de idade non emancipadas, ás persoas cunha discapacidade superior ao 65%, ás que disfruten de estadías por programas sociais públicos da Unión Europea (UE), ás que leven a cabo estadías en albergues públicos ao abeiro do Plan Xacobeo e tamén ás persoas que efectúen estadías en establecementos hostaleiros a causa de reformas na vivenda propia na cidade.
Inés Rey explicou que a ordenanza deberá someterse á aprobación provisional do Pleno. Previsiblemente, no vindeiro mes de xuño.
A prohibición de altavoces, punto fundamental da nova ordenanza de praias
Tamén este mércores, a Xunta de Goberno Local deu luz verde ao proxecto da ordenanza de uso das praias da cidade, un novo marco normativo co que o Concello busca facer compatible o uso e disfrute das praias coa seguridade das persoas usuarias e, en paralelo, o mantemento sostible e protección natural dos areais.
Un dos aspectos clave da ordenanza é a prohibición de altavoces nas praias, unha medida que, como precisou Inés Rey, “vén derivada das molestias que producen ás persoas usuarias e, ademais, porque o ruído dos altavoces pode interferir nas recomendacións de seguridade e nos avisos de alarma que emite a megafonía do persoal de salvamento”.
O texto tamén estipula a prohibición de cans nas praias entre o 1 de xuño e 30 de setembro, excepto na cala canina de Bens. Si se autorizaría a presencia de cans de salvamento, auxiliares ou de asistencia, como os que axudan a persoas invidentes. Ademais, tamén se prevé, a futuro, a posibilidade de que o Concello defina áreas de esparexemento canino temporais ou permanentes nas praias.
Por outra banda, na tempada de baño está previsto que se permitan as actividades de deporte, sempre e cando se leven a cabo a un mínimo de 10 metros das persoas usuarias. “O Concello poderá habilitar zonas específicas nas praias para a práctica de xogos e deporte se o ve oportuno”, precisou a alcaldesa. Ademais, con esta ordenanza ábrese a posibilidade de declarar zonas sen fume.
A alcaldesa lembrou que o texto da ordenanza contou coas aportacións da consulta pública aberta o ano pasado polo Concello para recoller as achegas da cidadanía. Recibíronse un cento de suxestións, que se tiveron en conta para formular esta nova normativa.
O Concello destinará 11,2 millóns en investimentos á Cidade das TIC
Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o convenio de colaboración interadministrativa coa Universidade da Coruña (UDC) para impulsar o proxecto da Cidade das TIC. Tal e como se adiantou este luns, o obxectivo deste conventio é favorecer o desenvolvemento das infraestruturas, equipamentos e servizos “dun polo tecnolóxico e industrial clave para A Coruña, tanto no presente como de cara ao futuro”, subliñou Inés Rey.
Ao abeiro deste acordo, Concello e UDC solicitarán ao Ministerio de Defensa a cesión da concesión, que ata agora estaba en mans da Universidade, ao Concello. “Consideramos que se trata do paso lóxico unha vez constituída a Sociedade Xestora da Cidade das TIC en marzo de 2025, na que o Concello conta con 51%. Ademáis o Concello é quen ten as competencias en materia de urbanismo e orzamento para poder acometer a urbanización necesaria”, expuxo.
No marco deste convenio o Concello destinará 11,2 millóns á rehabilitación dos tres edificios cedidos á UDC, as obras de urbanización e axardinamentos exteriores. O convenio é plurianual, ata o 2028 e con posibilidade de prórroga.
Rey destacou tamén que a UDC manterá o liderado científico e investigador na Cidade das TIC.