HomeA CoruñaLuz verde ao convenio coa Xunta que permitirá licitar o centro de...

Luz verde ao convenio coa Xunta que permitirá licitar o centro de saúde de Santa Lucía, cun investimento superior aos 10 millóns de euros

- Anuncio -spot_img

Ademais, hoxe aprobouse a saída a concurso de 13 postos baleiros no mercado municipal de Monte Alto, onde as praceiras e praceiros manterán o seu canon reducido á metade ata finais de ano, cando rematarán as obras de renovación

A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe de que o último trámite preciso para poder licitar as obras do centro de saúde e centro cívico de Santa Lucía vén de completarse coa aprobación do convenio coa Xunta para o financiamento dos traballos.

Así o expuxo a rexedora esta mañá, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local, que deu luz verde ao convenio de colaboración coa Xunta para rehabilitar o antigo mercado de Santa Lucía, “unha demanda histórica do barrio da Falperra que, tras moitos anos, imos ver cumprida”.

Neste sentido, o Concello remitiu o convenio á Xunta a inicios de maio e o Consello do Goberno autonómico autorizou a sinatura a semana pasada. Hoxe, ese documento recibiu tamén o visto e prace do Concello. “Isto amosa que, por fin, o novo Santa Lucía será unha realidade tras o acordo entre ambas as administracións. Cos trámites finalizados, as obras sairán moi pronto a licitación
por un prezo total superior aos 10,3 millóns de euros, sendo o investimento máis importante realizado na Falperra en moitos anos”, explicou Rey.
O convenio estipula os compromisos e achegas de cada parte para rehabilitar o mercado e construír o centro de saúde —que substituiría o de Federico Tapia—, o centro cívico e o espazo destinado ao mercado de Santa Lucía, todo no mesmo edificio. O investimento será de 10,3 millóns dos que o Concello achega case a metade (4,7 millóns de euros) e a Xunta 5,5 millóns de euros. As contías das partes achéganse en tres anualidades, contando con rematar os traballos no ano 2027 e dando comezo este mesmo ano.

O Concello licita e executará as obras

O Concello da Coruña será o encargado de licitar e executar as obras. A posteriori, cederá por 30 anos á Xunta a parte do edificio que acollerá o centro de saúde —cláusula que será prorrogable por outros 30 anos—, e ademais, regularase na ordenanza fiscal unha exención do IBI para o centro de saúde. As autoridades municipais tamén asumirán o mantemento das zonas comúns do edificio.

Pola súa banda, a Xunta asume os custos de execución da obra do centro de saúde e farase cargo dos gastos de mantemento deste. Tamén aboarán os premios correspondentes ao concurso de proxectos na mesma proporción na que participan do resto do financiamento (54%).

Saen a concurso 13 postos baleiros no mercado municipal de Monte Alto

Noutra orde de asuntos, a alcaldesa informou hoxe da inminente saída a concurso de 13 postos baleiros no mercado municipal de Monte Alto. O obxectivo desta convocatoria é cubrir a oferta existente no mercado en paralelo á finalización das obras, prevista para finais de ano.
“A nosa intención é que as persoas adxudicatarias comecen a súa actividade nos postos cun mercado con instalacións renovadas”, razoou Rey, que debullou os principais detalles da licitación: as concesións serán de 15 anos, con posibilidade de prórroga de ata 10 anos. E a presentación de ofertas será exclusivamente por vía electrónica, a través da Plataforma de Contratación do Estado. Haberá 30 días hábiles a partir da publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

O canon das praceiras e praceiros seguirá reducido á metade ata o remate das obras

Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou que a redución do canon do 50% ás praceiras e praceiros de Monte Alto se manteña ata finais de ano, mentres avanzan as obras. “A previsión é que rematen no mes de decembro, polo que a redución do canon á metade seguirá vixente ata entón, mentres continúan a desenvolver a súa actividade no mercado provisional de Indalecio Prieto”, detallou Inés Rey.

O Concello conectará Feáns e o cemiterio cunha nova beirarrúa

Por outra banda, na Xunta de Goberno Local aprobouse o proxecto e saída a concurso das obras de construción da nova beirarrúa que permitirá chegar desde o núcleo de Feáns ao cemiterio.
A alcaldesa contextualizou esta actuación e a súa importancia, “porque ao cemiterio é factible chegar no autobús urbano ou vehículo particular. Mais, a día de hoxe, ir camiñando desde a saída do núcleo de Feáns ata o cemiteiro só é posible facéndoo pola beiravía. Agora, ademais de gañarse espazos peonís, tamén se reforza a seguridade viaria, delimitando un percorrido específico para as persoas viandantes”.
Os traballos saen agora a licitación e, cando se adxudiquen, a previsión é que se executen nun prazo de catro meses, aproveitando a marxe dereita da calzada en dirección ao cemiterio.

O investimento previsto polo Concello é de 720.000 euros.

A licenza de construción na Mestranza, en diferido

Tamén este mércores, na XGL fíxose balance das licenzas urbanísticas correspondentes á última quincena de maio.

Entre os expedientes particulares, destacan os permisos concedidos á cooperativa Galivivienda para acometer a construción dun novo bloque residencial de 14 vivendas protexidas na parcela Z-07 do barrio de Xuxán. Contará tamén con 14 rochos e 22 prazas de garaxe. O investimento da promotora é de 1,3 millóns e o prazo de execución das obras, de 36 meses.

Por outra banda, concedeuse licenza á promotora Lipromo para a construción dun edificio de 56 vivendas na parcela da Mestranza, que segundo os informes técnicos, non ten restos arqueolóxicos.

Inés Rey expuxo os matices deste proxecto, “xa que o estudo de detalle está xudicializado, mais o xulgado non pediu a suspensión do planeamento nin en vía administrativa nin xurisdicional. Está, polo tanto, aprobado e vixente. Isto que supón a efectos legais? Que se a promotora solicita licenza, como acto regrado temos que dala, porque cumpre co estudo de detalle e todas as normativas. Con todo, a licenza ten a eficacia diferida ata que presente o proxecto de execución.

Non se vai presentar ata que se resolva a vía xudicial, seguramente á volta do verán. Polo tanto, non poden comezar a construír”.

Convenios da Fundación Emalcsa por valor de 130.000 euros

Ademáis, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe sendos convenios a través da Fundación Emalcsa. Un deles, dotado con 49.000 euros, a favor da Asociación Participa para a Inclusión Social, que desenvolverá o proxecto Norte e Pares grazas ao financiamento municipal; e outro, con Amigos da Ópera, por 80.000 euros, para a organización da Tempada Lírica deste ano.

Publicacións Relacionadas