HomeA CoruñaMáis de 16 comercios da Área de Bergantiños-Costa da Morte avanzan na...

Máis de 16 comercios da Área de Bergantiños-Costa da Morte avanzan na innovación e a dixitalización con apoios da Xunta por máis de 130.000€

- Anuncio -spot_img

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou en Carballo Deportes San Remo, un dos negocios beneficiados do programa cunha achega de máis de 12.000 euros

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe en Carballo o establecemento Deportes San Remo, un dos 16 comercios e artesáns beneficiarios das axudas por máis de 130.000 euros que vén de conceder a Xunta na área de Bergantiños-Costa da Morte para o impulso á innovación, a dixitalización e as novas fórmulas de comercialización. Este local é propiedade de Ricardo Pallas, presidente da asociación do Centro Comercial Aberto de Carballo.

Trenor destacou que “a través deste programa impúlsase a adaptación ao actual contexto económico e aos novos hábitos dos consumidores, apoiando o comercio de proximidade para que mellore e incremente os servizos que se prestan á clientela a través de diferentes canles, con axudas para páxinas web comerciais, ferramentas de márketing 4.0, mellora da imaxe dixital, xestión de redes sociais e implantación de ferramentas de xestión”.

Tamén se conceden a través desta orde axudas para a modernización e adaptación de locais comerciais; a expansión comercial, coa apertura de novos establecementos; novas fórmulas de comercialización e a adquisición de equipamento ou ferramentas que melloren o produto final.

Con esta orde apóianse iniciativas de dixitalización comercial, que desenvolven comerciantes e artesáns para proxectos de modernización integral dos locais, adquisición de equipamentos, así como proxectos de expansión comercial e proxectos pop up.

Os beneficiarios desta orde son profesionais dos municipios de Malpica de Bergantiños (3 axudas), Carballo (10 axudas), A Laracha (1 axuda) e Zas (1 axuda), Vimianzo (1 axuda).

Centro comercial aberto
Durante a visita Trenor lembrou que a Xunta apoiou o ano pasado ao Centro Comercial Aberto de Carballo cunha achega de 33.000 euros . Estas achegas destínanse a proxectos que inclúan iniciativas de dinamización comercial, sistemas de fidelización, sinalización externa ou mellora da competitividade comercial, entre outros.

Outras das actuacións apoiadas son a creación de sinerxías e oportunidades dixitais a través do asociacionismo, con axudas para a posta en marcha de solucións dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados e mellora e modernización da imaxe do centro comercial aberto, a implantación e mellora do portal web do CCA ou márketing dixital. Cada entidade pode obter apoios de ata 40.000 euros, en función do número de comercios asociados e a poboación da localidade na que estean situados.

Como novidade, tanto os centros comerciais abertos como as asociacións de praceiros puideron optar a apoios para a posta en marcha de market places ou outras iniciativas dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados. Tamén para o desenvolvemento de sistemas centralizados de envío e entrega a domicilio, e a contratación de servizos externos para a xestión de contidos nas redes sociais.

Publicacións Relacionadas