HomeA CoruñaA CoruñaMáis de 24.000 persoas participaron nos programas sociais, culturais e deportivos da...

Máis de 24.000 persoas participaron nos programas sociais, culturais e deportivos da Fundación Emalcsa durante o 2025

- Anuncio -spot_img

A Fundación Emalcsa presenta a súa Memoria 2025 cun impacto reforzado nos ámbitos social, cultural e deportivo

O éxito de programas como Norte e o lanzamento de Pares, xunto co impacto do Festigual, marcan un ano de avance e innovación

A Fundación Emalcsa presentou este mércores 8 de abril ao seu Padroado a Memoria de actividade correspondente ao exercicio 2025, un ano no que a entidade consolidou o seu papel como axente clave no impulso do benestar social, cultural e deportivo na cidade da Coruña, nun encontro presidido pola alcaldesa, Inés Rey.

Ao longo do ano, a Fundación desenvolveu un amplo conxunto de programas e iniciativas que permitiron beneficiar a máis de 24.000 persoas, reforzando un modelo de intervención baseado na proximidade, a colaboración co tecido asociativo e a capacidade de resposta ante novas realidades sociais.

A alcaldesa, Inés Rey, destacou que “a Fundación Emalcsa é unha ferramenta clave para seguir construíndo unha cidade máis xusta e cohesionada, na que as políticas sociais, culturais e deportivas chegan a quen máis o precisa, reforzando a igualdade de oportunidades na Coruña”.

Coruña Acompaña: reforzo do acompañamento social e novas respostas

No ámbito social, o programa Coruña Acompaña continuou a ser unha das principais liñas de actuación da Fundación, combinando resposta inmediata ante situacións de emerxencia co desenvolvemento de programas de acompañamento sostido no tempo.

A través do programa A Flote concedéronse 217 axudas de emerxencia social por un importe total de 179.721,17 €, dirixidas a 182 unidades familiares, o que supón un incremento tanto no número de prestacións como na intensidade do apoio económico respecto ao exercicio anterior.

Máis alá da cobertura de necesidades básicas, 2025 destacou especialmente pola consolidación de programas centrados no benestar emocional da mocidade. Neste sentido, o programa Norte, impulsado pola Fundación María José Jove en colaboración coa Asociación Participa, afianzouse como un recurso clave de acompañamento socio-comunitario, atendendo a 171 mozos e mozas a través de máis de 170 sesións desenvolvidas en diferentes contornos, incluíndo centros educativos e o Hospital de Día de Psiquiatría.

Pola súa banda, 2025 marcou o inicio do programa Pares, unha iniciativa innovadora impulsada pola Fundación Emalcsa e a Fundación María José Jove, que combina intervención social e terapia asistida con animais para traballar co colectivo xuvenil en situación de vulnerabilidade.

Cultura inclusiva: impacto ampliado e proxección do Festigual

A cultura volveu ocupar un lugar central na acción da Fundación, tanto a través da convocatoria de Cultura Accesible e Inclusiva como de proxectos propios.
Nesta liña, o Festigual consolidouse como unha das propostas máis relevantes do ano, cunha programación diversa e accesible que acadou arredor de 2.700 asistentes presenciais. A súa repercusión estendeuse tamén ao ámbito dixital, onde os contidos en redes sociais superaron as 200.000 visualizacións e permitiron chegar a novos públicos.

Ademais, o programa Tempada Lírica, impulsado pola Asociación Amigos da Ópera da Coruña, consolidouse en 2025 como unha iniciativa destacada que combina excelencia artística e inclusión social. Xunto a isto, o Programa Musicoterapia reafirmouse como unha ferramenta de gran valor dentro da intervención cultural.

Deporte inclusivo: consolidación dun modelo de éxito

No ámbito deportivo, o programa Deporte Solidario e Inclusivo continuou fortalecendo o tecido asociativo da cidade, apoiando 23 proxectos impulsados por entidades e clubs deportivos comprometidos coa inclusión social.

Un modelo colaborativo en evolución

O exercicio 2025 estivo marcado tamén pola consolidación do modelo de colaboración público-privada da Fundación, clave para ampliar o alcance das súas actuacións e garantir a súa sustentabilidade. O apoio de entidades colaboradoras e o traballo coordinado co Concello da Coruña continúan sendo piares fundamentais deste modelo.

A concelleira Benestar Social, Nereida Canosa, puxo en valor os datos da memoria e destacou que “o traballo desenvolvido pola Fundación Emalcsa permite avanzar nun modelo de cidade máis inclusiva, no que as políticas sociais, culturais e deportivas chegan a máis persoas e con maior capacidade de resposta”.

Unha traxectoria que segue medrando

A Memoria 2025 reflicte a consolidación dun modelo de intervención que combina impacto directo, innovación social e capacidade de adaptación. A Fundación Emalcsa continúa avanzando na súa misión de construír unha cidade máis inclusiva, equitativa e participativa, na que a acción social, a cultura e o deporte actúan como motores de cohesión e benestar colectivo.

Publicacións Relacionadas