O Concello de Santiago de Compostela informa de que o pasado martes, 19 de agosto, concluíu o prazo para a remisión de ideas conceptuais ao Concurso Internacional de Iluminación Ornamental e Artística da contorna monumental da Catedral. En total, presentáronse 26 propostas chegadas de diferentes países como Reino Unido, Alemaña, Italia ou Finlandia, ao cargo de equipos e estudos multidisciplinares con experiencia en proxectos de iluminación monumental. Tamén se achegaron propostas do Estado español e de Galicia.
A convocatoria contou cunha intensa campaña de comunicación baixo o lema Compostela nocturna,mírame!, con materiais audiovisuais en galego,castelán e inglés, unha web trilingüe con documentación técnica,guía rápida e recursos descargables. Ademais, a iniciativa contou cunha ampla difusión en redes sociais e en plataformas profesionais internacionais de deseño lumínico e urbanismo da luz.
Esta estratexia de difusión, coordinada pola Oficina técnica do concurso, xestionada pola compostelá Trivium, en colaboración con entidades recoñecidas como Light Collective e SlowLight, implicou tamén a produción de contidos divulgativos e entrevistas cos que situar a Santiago no mapa internacional da innovación lumínica.
Á vangardada iluminación monumental
Trátase dunha convocatoria pioneira, desenvolta ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística da cidade, que xorde da cooperación entre o Estado, a Xunta e o propio Concello, nunha aposta pola sustentabilidade, o respecto á identidade patrimonial da cidade histórica e a proxección internacional do talento creativo, ao tempo que se mellora a experiencia da veciñanza e das persoas visitantes.
A iniciativa busca reinterpretar, dende a sensibilidade estética e a vangarda técnica, un ámbito único recoñecido pola UNESCO como Patrimonio Mundial: as prazas –Obradoiro, Praterías, Quintana e Inmaculada– e elementos conectores que rodean á Catedral, mellorando, entre outros aspectos, a calidade de vida da cidadanía e o confort visual.
Anónimo con intervención de xurado
O certame desenvólvese en dúas fases anónimas con intervención dun xurado independente, integrado por técnicos das administracións participantes, xunto a profesionais de prestixio internacional como David Chipperfield, Teresa Táboas, Roger Narboni, Esther Torelló ou Manuel Castiñeiras, que valorarán a calidade do deseño lumínico, a viabilidade técnica e económica ou a sustentabilidade, a eficiencia e a innovación incorporadas a cada unhas das propostas achegadas.
Finalmente, a proposta gañadora asumirá a redacción do proxecto e a dirección da obra de iluminación da praza de Praterías, proxecto piloto desta iniciativa, cun orzamento de 100.000 euros (IVE excluído), ademais de recibir un premio de 15.000 euros. Os demais finalistas, até un máximo de seis, incluído o gañador, tamén serán gratificados economicamente coa mesma cantidade.